ENTRUIDO!
Chega o Entruido, e con el un pouco de festa no tempo de inverno.
Aquí vos deixamos estas fotografías do xenial Ramón Caamaño, o fotógrafo muxián que foi e segue sendo un caixón da memoria, pois coas súas imaxes cóntanos a vida das nosas xentes. Como vivían, como se divertían, como traballaban, como se retrataban para os familiares na emigración, como dician adeus nesas imaxes que facía dos difuntos nos cadaleitos, tan impactantes. Para algúns o único retrato que lles quedou do seu familiar …
Moito temos que agradecerlle ao noso Caamaño! Dende a oficina de turismo que era el mesmo , incansable xunto ao Santuario da Barca contando as nosas historias, falando das Pedras, mostrando os rincóns de Muxía nas súas fermosas postais que ofrecía xunto coa súa charla de namorado total da súa terra…ata esa memoria das nosas familias que gardamos como tesouros en caixóns e que hoxe veñen nutrir este Proxecto Buserana.
Que haberá detrás de cada rostro ? Cantas historias que podemos lembrar grazas a estas fotografías! E cantas historias esquecidas, pero que foron tecendo o que hoxe somos. Ainda haberá quen lembre estas festas de Entruido con eses veciños coa culler e o garfo no sombreiro, os bailes que organizaban nas palilladas…
Para sentirse vivo un pobo ten que saber gozar en grupo. Sair a rúa e rir. A risa é liberadora e o Entruido serve para socializar, rachar coa monotonía dos días, desbafar, denunciar, berrar, ser outras persoas, ou ser nós mesmos, o máis auténtico que levamos dentro.
Saiamos a rúa este Entruido para rachar coa escuridade, como fixeron eles e elas, os nosos avós e avoas, os que nos miran dende as fotografías de Caamaño.


