O mar
O mar é unha das principais fontes de todo un universo que se expresa no PCI. O mar é o creador dunha forma de vida e brinda para o noso patrimonio inmaterial , dende os oficios, ás artes de pesca, á organización do traballo, todo o universo do traballo mariñeiro …ademáis, o mar ofrece un espectáculo grandioso nos días de temporal co son do vento bruador e o son das ondas contra os cons ( os sons tamén forman parte do PCI e os temporais son un patrimonio que debemos valorar)…., danos ademáis un vocabulario rico que vai dende os nomes das artes de pesca, ata os nomes dos peixes e os nomes das pedras, que coñecen tan ben os percebeiros , e os baixos e caladeiros que coñecen os mariñeiros.
O mar é unha potencia infinda para darnos elementos de este PCI que queremos preservar.
Sen esquecer a tódolos homes e mulleres do mar, traballadores e traballadoras que deixaron a súa historia na memoria colectiva muxiá, que contribuiron a fornecer á tribo mariñeira que somos e cuia lembranza e historias tamén forman parte do Patrimonio Inmaterial propio.
Neste apartado iremos incorporando elementos que teñen que ver co mar.
O MAR NOS NOSOS POETAS
E sobre o mar escribiron e escriben os nosos poetas. A Costa da Morte é unha terra vizosa en poesía. Traemos neste apartado dedicado ao mar a catro poetas de Muxía, de xeracións distintas .
Gonzalo López Abente ( 1878-1963); foi considerado polos seus compañeiros de xeneración “o poeta do mar”. López Abente , no poema que mostramos a continuación preséntanos ese mar bravo, o mar dos temporais da nosa costa, ese mar envolto en cores grises, prateadas e brancas , unhas cores preciosas, en movemento e cambio continuo, que podemos disfrutar, coma en ningures , na Punta da Barca nos dias de temporal. Tamén é o mar indomable, omnipresente que sobe polas rúas muxiás ( así era antes da construcción do dique novo) e ao tempo un mar que é creador dunha forma de vida , “ o gran creadore dunha eterna traxedia”.
O MEU MAR
Una nube de chumbo a tapar todo o ceo;
borraxeira e orballo que revoan no ar;
os inxentes penedos, xa tristeiros de seu,
espallando queixumes con dorido fungar;
os montes envolveitos na brétema sotil;
e as bocas desdentadas da furnas no cantil.
Escumas, ardentías,
atruxante balbor,
e, cal apocalípticas porfías
de cíclopes, vestiglos e xigantes
das vellas e varís mitoloxías,
os ecos trepidantes
do líquido elemento bruador.
¡O mar!
¡O meu mar!
¡O mar que eu vexo,
nestes días de inverno,
gris, abalante,
inquedo, forte e rexo,
a cólera a roubar do fondo averno
e a bater na orelas, escumante
de rabia e de furore, nun épico loitar!
Este mar que derruba coas paredes das hortas,
desfaise contra os cons e sobe polos cabos;
que corre polas rúas ribeiranas e tortas
antre as casas homildes dos mariñeiros bravos.
este mar belicoso que a costa brava asedia,
que as ondas esnaquiza nunha branca fervenza
e en escumas de prata no cantil as destrenza…
É o gran creadore dunha eterna traxedia.
(Nemancos. Nós, 1929)
Xervasio Paz Lestón (1898- 1977); poeta de Serantes, un lugar da parroquia de Moraime . No poema de Paz Lestón que traemos aquí , hai outra visión do mar como complemento para o sustento das xentes dos lugares do municipio, que viven da terra, pero tamén acuden ao mar a buscar algazo ou percebes. Aparece aquí un traballo que forma parte do noso PCI , como é a recollida do algazo. En Muxía a recollida do algazo é unha actividade importante que complementa ás economías familiares. É un traballo que fan moito as mulleres.
Paz Lestón ademáis mantén sempre un ton social e reivindicativo, como pode verse neste poema:
ALGAZO
E media noite pasada
I érguese a xente apurada
n-o lugar;
os veciños
amañan carros i enciños
pra ir ao mar.
Alguén foi de noite a area
Vendo, ao baixar a marea,
O algazo en seco, en montón;
os de Bouzas e Cartel
tamén pasan pra ir a él
âs pedras de Boi Virón.
Chegan os carros; o algazo
forma impoñente ribazo
todo ao longo do praial;
xemen eixos e chedeiros
camiño dos fiunlleiros
en donde fica en tendal.
O invernal sopro do vento
bate o líquido elemento
i alcende as furias do mar…
Torna a sobil-a marea
i envolve en tombos â prea
que outra vez quere levar.
Homes…mulleres….rapaces…
bótanse ás ondas, audaces,
locindo o enciño na man,
(! a labrega chave d´ouro
conque acadan o tesouro
que garda o bravo titán!)…
E media noite pasada
i érguese a xente apurada
porque hai algazo no mar,
pois pra que coma o goberno
vive o labrego un inferno
de sofrir e traballar.
( Recollido en : Miro Villar. A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudio. Edicións do Castro,1998)
X. H. Rivadulla Corcón ( 1962); poeta contemporáneo cuia obra está totalmente inmersa no mundo do mar. Xeralmente o mar de Corcón é un mar habitado por homes e mulleres que o traballan, un mar humanizado por toda a cultura mariñeira que o propio mar crea e pola capacidade do home para vivir en perfecta simbiose con el e para dignificar ese mar e os seus oficios. O mar, no poema que traemos , é a orixe, o que fundamenta toda unha forma de vida, o que da sentido á tribo mariñeira que Corcón sempre reivindica na súa obra:
Volver ao mar, á orixe,
a primeira e a derradeira casa
a que albergua as lembranzas,
a que é unha xanela aberta ao futuro,
a que está emprazada no tempo que non existe,
que é no pasado, no presente e no futuro.
A orixe e o final,
a que nos contén e nós contemos,
volver ao mar, volver a nós.
( Camiño ao mar. Auga Editora, 2010)
Rosalía Fernández Rial (1988) é unha poeta moi nova, pero que co seu traballo , serio e de calidade ,xa se fixo un oco na tribo dos poetas costeiros; no poema que presentamos, a autora mira o mar dende a costa, ou mira a costa que habita neste mar. A forma como terra e mar interactúan define un territorio que marca a forma de ser, de estar no mundo e de sentir dos habitantes da Costa da Morte.
COSTA DA MORTE
Onde as fauces da quenlla costeira
devoran bombas de océano,
sangra solpores a Terra do Mar.
Os seus beizos de buguina
falan dun nordés envelenado
e chuspen naufraxios
sobre redes de cons.
Na súa lingua areente
ancoran praias desertas
que lamben sen medo
A LIBERDADE.
As almas de salitre que vivimos dentro
temos o corazón atravesado
polas dentadas da quenlla,
e, no interior deste burato,
atragóensenos temporais.
É por isoque na Costa da Morte
latexamos con máis forza.
( Un mar de sensacións.2011)