Dentro do traballo a prol da recuperación do patrimonio inmaterial que desenvolve o Concello de Muxía, ten un lugar importante o Mercado das Rutas do Mar, unha festa temática mariñeira que se celebra cada mes de agosto dende o ano 2007. Esta festa une a recuperación do patrimonio e a cultura mariñeiras co tempo de lecer , a divulgación da nosa gastronomía, artesanía etc.. O mercado reúne a centos de persoas na vila durante dous días nos que hai actividades de teatro, música, postos de degustación de marisco , peixes, doces artesanais, etc…moitos muxiáns din que así era antes a Romaría da Barca, cando non estaba tan masificada . As Rutas do Mar estase convertindo nunha festa de referencia en toda a comarca.
As xentes do municipio implicanse totalmente e moitas persoas van vestidas como se vestía antigamente nunha vila mariñeira. Tamén hai veciños que están armando aparellos de cara ao público, moitos montan tabernas, ou postos de artesanía.
No saúda do Alcalde de Muxía, Félix Porto que reproducimos a continuación,e que corresponde a unha das edicións do Mercado das Rutas do Mar, expresase moi ben o sentido de esta festa:
Estimados veciños/as e visitantes,
Un ano máis teño o pracer de convidarvos a visitar o Mercado das Rutas do Mar de Muxía.
Este mercado é para os muxiáns unha ocasión excepcional para celebrar a nosa tradición e cultura mariñeira e gozar coa nosa gastronomía, os oficios, a música, os aparellos de traballo etc…. Sen esquecer á cultura labrega que dende séculos se uniu ao traballo do mar para manter a vida das xentes do noso concello.
O Mercado das Rutas do Mar é una reflexión espontánea e sinxela das xentes de Muxía sobre aquelo que nos fai ser quen somos e que se lle ofrece a quen nos visita para que nos coñeza e para que goce con nós, e ao mesmo tempo é un paréntese na vertixe da vida cotidiana que invita a esquecerse dos problemas diarios para perderse polas rúas de Muxía e fundirse no seu ambiente festivo e alegre.
Durante estes días as personaxes das fotos de Ramón Caamaño saltan do papel e xúntanse coas personaxes de Rosalía, e os épicos labregos e mariñeiros de López Abente toman as rúas de Muxía , e, esquecendo a dureza das súas vidas cobran alento e comparten festa e lecer neste mercado doutro tempo traido ata hoxe.
Deséxovos a todos os que vos acheguedes ata Muxía que disfrutedes desta experiencia única, e aos veciños e veciñas de Muxía non podo máis que expresarvos o meu agradecemento , pois coa a vosa entrega e participación convertides as Rutas do Mar nunha festa pola dignidade da vida e a cultura mariñeiras.
Gozade destes días e que o son da buguina inunde de mar os nosos corazóns ¡!
Unha aperta,
Félix Porto Serantes. Alcalde de Muxía
Nos seguintes enlaces podense ler os pregóns das Rutas do Mar:
- Pregón do ano 2007, a cargo do escritor Isidro Novo.
- Pregón do ano 2008, a cargo de Xesús Sambade
- Pregón do ano 2009, a cargo de Rivadulla Corcón
- Pregón do ano 2010, a cargo do ex-patrón maior Javier Sar
- Pregón do ano 2011, a cargo do patrón maior Daniel Castro
- (No ano 2012 o pregón correu a cargo do mariñeiro muxián Fernando Carrera, pero non dispoñemos do texto, xa que Fernando fixo un pregón improvisado, sen levar ningún papel. Un pregón auténtico coma el, que lle saiu do corazón.)
GALERÍAS FOTOGRÁFICAS DO MERCADO DAS RUTAS DO MAR