Cabezallo

“(…) O mar, miñas amigas e amigos, é o noso grande tesouro. A identidade dos galegos é o idioma, pero o seu tesouro é esa colosal locura salgada e azul que non é quen de parar un momento de carriolarse. (…) ”  Isidro Novo, no pregón do I Mercado das Rutas do Mar, ano 2007.

A fotografía que escollemos para o noso cabezallo é unha foto da autoría do historiador José Enrique Rivadulla Porta, que ilustra moi ben a esencia mariñeira de Muxía.

Na fotografía vemos  as antigas casetas do peirao e o antigo peitoril coas gamelas colocadas todo ao longo do mesmo.Esta formación de gamelas percorría todo o paseo e recibía e acompañaba a todo o que se achegaba á nosa vila. As gamelas son as lanchas típicas de Muxía, de popa chata e fondo plano, e a gamela, como toda embarcación é unha prolongación da casa do mariñeiro.
( No apartado de língua deste blog pódese atopar un listado de nomes de gamelas e os seus propietarios).
A fotografía tamén ilustra moi ben o cambio na Muxía actual. Hoxe xa non existe o peitoril que foi sustituido por un paseo marítimo que , paradoxicamente para ser un paseo marítimo, oculta o mar. Dende os bares da ribeira xa case non podemos ver o mar, nin a chegada dos barcos, oculta tras paredóns, árbores e montañas cubertas de céspede .
No antigo Muxía, no que se ve na foto, o paseo discurría acompañado de praias ( a de Don Manolo, a das Lanchas a Ribeira do Capitán…) nas que xogaban os nenos, traballaban os homes e mulleres, varábanse as embarcacións para arranxalas, etc…Hoxe as praias xa non existen, desapareceron baixo o Paseo Marítimo. Un aséptico paseo que xa non nos define como comunidade mariñeira.
Con eso e todo, Muxía segue sendo un lugar fermoso, cunha luz especial , rodeado de mar e cunha paisaxe costeira impresionante que merece ser coñecido. A pesares de tódolos cambios Muxía segue a ser un lugar especial cuns puntos de interese que deixan boquiabertos a quen se achega a eles, como a Punta da Barca, Touriñán, Moraime, as Caldeiras do Castro….
Pero as raíces mariñeiras corren serio perigo cos cambios económicos e sociais dos últimos tempos. O Proxecto Buserana quere pescudar e recuperar o que se agacha baixo o asfalto, o que se agacha na memoria e que define as nosas raíces mariñeiras, porque a memoria é case o único que as pode salvar.