Somos tribo

Muxía é unha tribo. A tribo mariñeira e a tribo labrega que se complementan á perfección. E mesmo ten tótems sagrados.
O totem oficial é a Virxe da Barca, sobre a que o muxián pode blasfemar e pode xurar , pero….ai, que ninguén máis a toque!
Tamén a Pedra de Abalar e, en xeral as Pedras da Barca son tótems sagrados. Ou incluso diriamos que funcionan coma oráculos. A Pedra de Abalar hai quen di que abala soa cando vai haber algunha desgraza ou quere avisar ao pobo de algo. Esta Pedra é un símbolo identitario muxián e ten moito que ver coa historia de Muxía e con todo o que aconteceu e acontece no noso territorio.

A Pedra dos Corvos, fotografía de Rivadulla Porta


Pero realmente o totem máis auténtico da tribo mariñeira, era a desaparecida Pedra dos Corvos. Esa pedra humilde, sen pretensións, que acompañaba a vida cotidián, o paseo e o traballo na ribeira de Muxía.
Na Pedra dos Corvos repousaban do seu voo os corvos mariños. Que significativo, cando aos muxiáns se lles chama familiarmente corvos!
A Pedra dos Corvos foi destruida polo Porto Deportivo, dun xeito inútil, insensible e cunha concepción totalmente allea ao Muxía mariñeiro.
A Pedra dos Corvos era moi querida porque daba de comer á tribo. En épocas de mal tempo, cando non se podía pescar fóra, a pesca na Pedra daba de comer ás familias. Era unha Pedra vizosa, farturenta.
O día que se destruiu a Pedra tódolos muxiáns sentiron estoupar algo no peito, ainda os que non sexan quen de admitilo. Ningún muxián de verdade mira ao mar sen ver alí a silueta dela, da nosa Pedra, da Pedra que identifica á tribo mariñeira, daquela que daba de comer, que adornaba o  paseo polo malecón, aquela para a que miraban os muxiáns a ver como rompía o mar.
A Pedra dos Corvos, era o verdadeiro totem da tribo do mar, e desapareceu coma un agoiro, coma o anuncio da morte da Muxía mariñeira.
Pero a tribo tiña, e ten, ademáis persoas senlleiras que definen a comunidade. Que son elas mesmas símbolos da nosa cultura.

Rompendo a Pedra dos Corvos, fotografía de Iago Toba Campaña


Neste apartado imos ir presentando a esas persoas imprescindibles que construiron a identidade do noso pobo.
Convidámosvos a enviar fotografias e historias de todas aquelas persoas das que non somos quen de deixar de falar, daquelas persoas que tan pronto son nomeadas nunha conversa tódolos presentes senten a voz do noso pobo mariñeiro falando con moitas voces á vez, lembrándonos unha e outra vez que somos tribo, somos un, somos tribo…
Aquí volos presentamos, dende o respecto , o cariño e a admiración máis absolutos:
EDUARDO, O RATA:

Eduardo, o Rata. Fotografía cedida pola súa filla, Marlene Sar


Eduardo foi o mellor percebeiro de tódolos tempos. E dende logo o máis carismático.
Eduardo emigrou a Venezuela e logo voltou e puxo en Muxia o seu bar. O Bar Náutico, ou máis coñecido como o Bar do Rata, hoxe desaparecido, e no que se reunían mariñeiros, xogadores de truco e os trasnoitadores que fomos.
Aquel bar mítico e o seu propietario, Eduardo o Rata, xa son personaxes literarias por obra de Rivadulla Corcón, que os rescata en varias das súas novelas e poemas.
Eduardo movíase polas pedras coma ninguén, arrincando percebe levando nos pés as súas zapatillas de esparto, e protexido o seu corpo tan só pola súa propia destreza.
Eduardo xa é un totem da tribo mariñeira, ninguén é quen de escoitar o seu nome sen un estremecemento, e sen sentirse orgulloso de ser muxián . O seu nome conxura o ser colectivo da nosa tribo.
Orgullosos da nosa xente , orgullosos da nosa cultura encarnada neste percebeiro único e irrepetible.
Cando Eduardo movía a raspa para arrincar percebe, estaba construindo Muxía.
Era o Pai de todos. Na Praia de Area Maior daba gusto velo traballando no boliche: unha festa da xente mariñeira, humilde e auténtica.

O Rata. Fotografía cedida por Marlene Sar


PANCHO GRILLE:

Pancho


Hai persoas que son tan importantes que marcan os tempos da comunidade. Cando chegaba Pancho, de Francia, a onde emigrara e onde vivía todo o resto do ano, podiase decir que chegara o verán.
Era o anuncio dun tempo de alegría para os muxiáns. A risa sinceira, a amizade, a camaradería, a xenerosidade, o verán cheo de luz, todo estaba na voz de Pancho – que , por certo, duraba poucos días, pois perdía a voz ao pouco de chegar; a gorxa non era quen de seguir ao seu dono, cansada de tanto gozar-.
A súa bicicleta era o anuncio do verán.
E o mellor eran os días precedentes á Romaría da Barca. Aquilo si que era unha semana cultural! Percorria cos seus amigos os bares ao berro de guerra: Lola, eses chipiróns!…o berro era para Lola da Chorentana (e os seus chipiróns, os mellores de toda Muxía,) e acompañaba o berro petando na mesa do bar co seu grande anel, co que insistentemente facía ruido para reclamar a tapa .
Pancho Grille era esperado ao longo do ano. Baixaba de Francia para alegrar a vida da vila.
Naquel tempo as estacións eran outono, inverno, primavera e …a chegada de Pancho.
Nada máis xeneroso que facer felices aos teus, e Pancho Grille foi eso, unha persoa xenerosa que no breve tempo en que estaba cada ano en Muxía, rachaba a monotonía facendo voiar caldeiros de auga para duchar a algún paspán, compartindo tapas de chourizo de Casa Margharita e traendo forzas renovadas  para pasar o longo e duro inverno muxián, e agardar que un verán máis volvera soar na porta da casa o timbre da súa bicicleta.
MARCELINO, O PULGA:

Marcelino, O Pulga


Marcelino o Pulga foi o mellor pescador de polbo de tódolos tempos. Colliaos co espello e era quen de velos onde outros soio vian pedras e fondos mariños. A comunicación co polbo era tal que incluso podía escoitar o seu pensamento e así non había animal que zafara se el así o quería.
Pero ademáis Marcelino era un mago. Un mago xeneroso que facia rir aos nenos muxiáns. O mellor era o truco de tragar o cigarro prendido , facelo desparecer dentro da boca e logo volvelo sacar da boca prendido para seguir fumando. Os cativos buscaban inútilmente na boca aberta de Marcelino a ver onde estaba agochado o cigarro. Podia repetir o truco milleiros de veces mentres os cativos llo pediran.
Tamén era un mago porque ademáis de ser mariñeiro, Marcelino facía posible a maxia do cine nun tempo onde as películas eran unha xanela aberta a un mundo de fantasía que daba alas aos xogos dos nenos . O Pulga era o encargado de proxectar as películas no Cine Mugía. E para os nenos de Muxía eso agrandaba ainda máis a maxia que envolvía a este humilde e xeneroso mariñeiro muxián, que logo de volver de matar polbos era quen de facer que o último mohicano correra polo cine de Engracia.
Hoxe xa é tamén personaxe literaria, pois ao igual que O Rata , O Pulga é personaxe dalgunhas das obras do escritor muxián X. H. Rivadulla Corcón.
Pero sobre todo forma parte da memoria colectiva de Muxía coma unha das persoas importantes para a nosa tribo, repectado e moi querido ,  mariñeiro bravo e mítico e  , sobre todo, o home que facía escachar as risas dos rapaces , ceibas polas rúas muxiás.

Os propietarios do Cine Mugía, nunha fotografía cedida pola súa neta Tata Pérez Piña.


JUAN DE FISTERRA:

Juan de Fisterra. Fotografía de Gerardo Haz Lema


Juan Abalante( así o coñecían  en Fisterra) era tamén Juan de Fisterra ( así o coñeciamos en Muxía) ; non era muxián, pero para os muxiáns era unha persoa moi importante, tanto que formaba parte da tribo muxiana. Ben,  podemos dicir que tódolos fisterráns forman parte da nosa tribo, ainda que ás veces nos enredemos en liortas estériles, querémonos ben porque formamos parte todos  da Costa da Morte, e sobre todo da tribo mariñeira,  e o mar une a tódalas persoas que viven del nun sentimento de irmandade que se vive fondamente a bordo dun barco ou entre as mulleres traballadoras do mar, ou entre as que agardan no peirao. Por riba de toda diferencia o mar fai irmáns a tódolos que pertecen á tribo mariñeira.
Da importancia de Juan de Fisterra para os muxiáns da boa conta o seguinte artigo de X. H. Rivadulla Corcón, que nos envía para o noso blog e que xa fora publicado na revista das Festas da Barca:
“QUEN FOI JUAN DE FISTERRA?
                                                                                          X. H. Rivadulla Corcón
A festa da Barca é xa para min un tempo para as lembranza, despois de corenta e sete Barcas vividas os misterios que ofrece son os do pasado, o futuro está máis que descifrado, pero é o pasado o que empeza a ser unha sombra misteriosa, como a negra sombra de Rosalía de Castro, e nos misterios do pasado desta festa hoxe dáme por preguntarme quen foi Juan de Fisterra. Era un home que existía para nós só na festa da Barca, e facíao con intensidade, era unha parte ineludible do ritual desta festa, chegaba a Muxía a vivir este tempo para ser parte existencial do seu rito, e a unha gran parte dos muxiáns aparecíasenos como un símbolo de constatación física de que estabamos vivindo a festa da Barca. A min gustábame estar con el, como a moitos, compartindo o licor da cebada no bar do Rata mentres cantaba a canción “Mamina, Mamina, Mamina, contigo me quero casar, Mamina pena more…” algo así era aquela canción interpretada por el. Sabíamos, porque el nolo contaba, que fora axudante de Tarzán, pero do Tarzán verdadeiro “Lloni Beismula”, iso dicía el. Paréceme moi fermoso ser axudante de Tarzán, só a un poeta se lle pode ocorrer ser axudante de Tarzán, é evidente que Juan tiña moito de poeta. O concepto é extraordinario, por misterioso, por orixinal, e por literario. Mágoa que os que facían as películas só enfocasen coa cámara a Tarzán Johnny Weissmuller, e nunca ao seu axudante, que supoño que tería como traballo, entre outras cousas, prepararlle as lianas ou avisarlle dos ríos onde había crocodilos para poder pelexarse con eles. Se os que facían as películas enfocasen ao axudante pode que fosen mellores, polo menos serían máis poéticas. Juan tamén foi náufrago na catástrofe do buque Urkiola, cando fendeu o casco vertendo petróleo na entrada do porto da Coruña, el contaba esa aventura, como tivera que saír nadando para non morrer queimado no incendio do barco, e como chegou a unha illa na que estivo ata que as barbas lle creceron ata o chan e foi salvado por un helicóptero que chegou facendo “tututututututu”, e polos aires levouno de volta a Fisterra. Con Juan viviamos os días da Barca esas fermosas e líricas aventuras, que contaba ano tras ano, pero agora que xa non pode vir a Barca, porque unha morte asasina levouno, é tempo de facerse a verdadeira pregunta: quen era Juan de Fisterra? Porque el era algo máis que o amigo que viamos de Barca en Barca, era un mariñeiro de Fisterra, con familia, vida cotiá e sobre todo soños, iso é o que máis me gustaría saber, cales foron os soños de Juan de Fisterra, as súas ilusións e as súas esperanzas, e por suposto os seus medos, pero nunca nos deu por preguntarlle e agora xa é tarde. Por sorte as sorpresas da vida leváronme a descubrir que o poeta e bo amigo Alexandre Nerium é sobriño de Juan, e iso sérveme para sentirme un pouco aliviado no meu desasosego por non ter coñecido a vida do home Juan e só a do mito Juan, e tamén tiven a sorte de coñecer a Pepita, irmá de Juan, unha muller de noventa anos que me contou como foi a traballar o mar por vez primeira aos sete anos para non deixar de facelo ata a vellez.
Quen foi Juan de Fisterra? En todo caso quédanos o consolo de saber que sen ter as certezas das súas verdades foi para nós un home importante, que sempre estará na nosa lembranza e esta Barca andaremos a buscalo.”

Juan de Fisterra. Fotografía de Gerardo Haz Lema


PEPE DO ALLO, COMPOÑEDOR DE CABERTA
Recollemos aquí o traballo de Que Pasa Na Costa para homenaxear ao noso veciño Pepe, o compoñedor de Caberta.

Os compoñedores/as, un saber en perigo de extinción

Unha reflexión sobre “Somos tribo

  1. Pingback: As crebas » Benvida e parabéns ao «Proxecto Buserana. Muxía, pola defensa do Patrimonio Cultural Inmaterial»

Os comentarios están pechados.