“ Ao falar deste meu vello e querido pobo, coido que sería ridículo o facelo noutra fala que non fose a mesma del a que cai de seu aquí, a que de cote lle serveu para as súas necesidades. A fala mimosa na que Rosalía cantou a súa sonada Romaxe da Barca, e Pondal as súas melancólicas paisaxes e brancas areas. A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca.” Gonzalo López Abente, 1921.
Chegou maio, o mes das letras galegas. Por tódolos lugares do país centos de persoas esfórzanse en honrar á nosa lingua a aos nosos escritores e escritoras organizando e participando en actos culturais e reivindicativos. Este traballo, hai que decilo, faise máis visible no mes de maio, pero é un traballo continuado ao longo do ano. Hai moitas persoas que traballan a prol da nosa cultura e para dignificar a nosa lingua, e a maioría das veces facendo grandes esforzos , con moito traballo e compromiso firme. Queremos solidarizarnos con todas estas persoas e sentirnos unidos, porque o Proxecto Buserana tamén é un proxecto pola dignificación da nosa lingua e cultura.
E ao falar de persoas comprometidas coa nosa língua, traemos hoxe a lembranza do noso poeta, o muxián Gonzalo López Abente ben comprometido con Galiza, como demostrou sobradamente. En 1916 participa na fundación das Irmandades da Fala. Este compromiso pode verse nas súas obras, nas colaboracións en revistas e xornais, nas actividades das Irmandades nas que participa, …Formará parte tamén do Seminario de Estudos Galegos (1926).
En 1936, antes da guerra, será elixido presidente da Asociación de Escritores Galegos e dará mitins polo Estatuto de Autonomía. O seu compromiso co galeguismo levarao a ser cesado no seu traballo no Banco Pastor .
Ingresa na RAG en 1941 , le o seu discurso de ingreso “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”, no Paraninfo da Universidade de Santiago, e o fai íntegramente en galego. Lembremos que estamos no ano 1941.
Morre o 23 de xullo de 1963. Aparecerá Decrúa (1966) como homenaxe póstumo dos galeguistas en América á súa poesía.
En 1971 – cando aínda non había 10 anos da súa morte, o que denota grande interese pola súa persoa e obra- a RAG dedicalle o Día das Letras Galegas
É nesa data cando se inaugura en Muxía unha estatua no seu honor, que hoxe segue presidindo a entrada á vila.

