CHEGA A MUXÍA “COSTA DO SOLPOR” DE XOSÉ Mª LEMA

 

capa da novela


Logo do seu periplo por varias vilas e ciudades da Costa da Morte e outras bisbarras, chega a Muxía a esperada presentación da primeira novela de ficción de Xosé Mª Lema Suárez, Costa do solpor. A presentación será o venres, 21 de xuño, ás 21:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Muxía.
No acto participarán Félix Porto (Alcalde de Muxía), Manuel Vilar Álvarez (antropólogo), Alexandre Nerium (poeta) e o propio Xosé Mª Lema.
Esta presentación en Muxía acada unha certa relevancia xa que é a primeira presentación que se fai nun dos tres escenarios principais da novela (Fisterra, Camariñas e Muxía), pois no territorio muxián atópanse lugares como a Furna da Buserana, a Arnela, a casa do Crego Sabio etc…lugares nos que se desenvolve a acción.

A Arnela, un dos escenarios da novela. Fotografía enviada por Lema


Unha vez máis Muxía reafirma o seu ser como lugar literario, esta vez da man dunha persoa que coñece coma ninguén o patrimonio e a historia da Costa da Morte, historia que se mestura cunha trama de acción e aventuras que engancha ao lector dende as primeiras páxinas.
Esta novela – publicada por Edicións Xerais– ven unirse xa aos obxectivos do noso Proxecto Buserana pola recuperación do patrimonio inmaterial de Muxía, pois inmortaliza, unha vez máis, este patrimonio e este territorio dentro da literatura galega.

Lema en Granville(Normandía). Fotografía enviada por Lema


Recomendamos non perder a presentación, na que o autor fará un percorrido por estes lugares da costa muxiá.

Unha reflexión sobre “CHEGA A MUXÍA “COSTA DO SOLPOR” DE XOSÉ Mª LEMA

  1. Pingback: Xosé María Lema Suárez leva a súa Costa do Solpor por primeira vez ao seu escenario

Os comentarios están pechados.