Tal día como hoxe, un 5 de xuño, nacía o poeta Federico García Lorca. Era o ano 1898, en Fuente Vaqueros, Granada.

E o grande poeta andaluz -e universal- loitador pola liberdade e víctima da barbarie franquista, ten moito que ver co noso Proxecto Buserana, xa que dedicou un dos seus poemas galegos a Muxía, concretamente á Virxe da Barca.
É un luxo toda a literatura que se relaciona con Muxía, pero é un luxo especial que García Lorca deixara algo escrito sobre algo tan muxián coma esta Virxe pequena.
Os poetas contan quen somos mellor ca ninguén, e algo houbo e hai en Muxía para inspirar aos mellores poetas, dende Rosalía de Castro ata García Lorca pasando por todos os nosos poetas costeiros.
Deixamos este fermoso poema como homenaxe a Federico.
ROMAXE DE NOSA SEÑORA DA BARCA (de Federico García Lorca)
¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!
A Virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
que no seu carro a levaban.
Pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montana.
Mortos e mortos de néboa
pol-as congostroas chegaban.
¡Virxen, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr’o teu manto
as foles da amortallada!
Pol-a testa de Galicia
xa ven salaiando a i-alba.
A Virxen mira pra o mar
dend’a porta da súa casa.
¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!
Certamente é moi curioso que escribindo Lorca seis poemas en galego, un dese seis fale da Virxe da Barca de Muxía, xa que é evidente que serían moitos os temas galegos dos que podería escribir Lorca, e adamais non existe constacia de que el coñecera directamente a Romaria da Virxe da Barca, realmente é moi improbable que estivese en Muxía. Por que entón decidiu escribir a Muxía e a súa Virxe? Un misterio que non está desvelado en ningún escrito de Lorca, ou dos escritores cos que el estivo en Galiza, os seus amigos Eduardo Blanco Amor e Ernesto Guerra da Cal. Lorca non é o unico escritor que non sendo de Muxía, decide escribirlle, poñamos como exemplo a Rosalia de Castro cun dos poemas máis sorprendente, pola súa forza lírica e ideolóxica, de “Cantares Gallegos”. E son moitos os que a Muxáia escriben: Cesareo Sánches Iglesias, Xavier Seoane, Manolo Rivas, Miguel Mato, Lino Braxe, e unha longa lista. Cal é a maxia de Muxía? Por que ten esa forza inspiradora en tantos poetas? É a forza dun misterio que está no profundo do seu mar, e no ser dos seus homes e mulleres.