PREGÓN DA BARCA 2013, por Viki Rivadulla

A Romaría da Barca é unha fonte inmensa de elementos do Patrimonio Inmaterial de Muxía. Deixamos aquí o pregón da Romaría deste ano que estivo a cargo da artista muxiá Viki Rivadulla:

fotografía de Xesús Búa


PREGÓN:
Boas tardes e grazas tódolos presentes por acompañarme. Moitas grazas sr. Alcalde e sr. Presidente da Comisión de Festas por convidarme a dar este pregón. É un honor que me colliu de sorpresa, pero non son persoa dubide moito nas cousas que fago, asi que cando mo propuxeron aceptei. E aquí estou.
E aceptei por dúas cousas principalmente .Unha delas é porque esta é a oportunidade para dicir neste palco o nome dunha persoa que debería ser quen estivera aquí, se non fora porque tivo  unha vida moi corta. El foi a persoa que fixo, co seu traballo e coa documentación que aportou, que a Barca  fora declarada de interese turístico nacional.
Ese foi meu pai, a miña debilidade, José Enrique Rivadulla Porta, un home namorado de Muxía, que traballou dende a humildade, sen medios, pero que dedicou toda a súa vida á investigación e a percorrer camiños para reconstruír a nosa historia, pasando moitas horas  no Arquivo do Reino de Galicia, no de Simancas ou na casa do inesquecible Manuel Canosa, párroco de Coucieiro- Podería facer o pregón só falando dos días inesquecibles naquela casa , na aldea, con Blandina e Hermogénea.
Rivadulla Porta, meu pai, foi un experto en xenealoxía e heráldica da Costa da Morte. E ,a pesares de ter un traballo caladiño, a súa semente segue espallada por toda a comarca recollida por moitos libros. Como muxiá quero agradecerlle toda a documentación reunida sobre o Santuario da Barca e sobre o Camiño, pois foi o seu empeño demostrar documentalmente que o Camiño Xacobeo chegaba, xa dende a Idade Media ,ata Muxía.
Ben,  permitida esta licencia, que creo que era de xustiza pola relación que tivo o traballo do meu pai coa Barca, só dicir que espero estar á altura do que  me ensinou, xunto coa miña nai e os meus avós, de quen aprendin a amar Muxía. Hoxe prestareille a miña voz para falar dunha festa da Barca que era unha das súas paixóns.
O segundo motivo que me impulsou a aceptar dar este pregón, foi algo que teño que agradecer ao Alcalde, e é, non que pensara en min para este asunto, senón que pensara nunha muller. As mulleres aínda imos gañando pouco a pouco o lugar que nos corresponde nunha sociedade na que deberíamos convivir en pé de igualdade real cos homes. Pero aínda hai terreo por gañar.
Hoxe traio con orgullo unha voz feminina ao pregón da Barca, a segunda en todos estes anos,- despois de Teresa Lord, no ano 2005- e espero que sexan moitas máis.
De feito, as mulleres teñen moito que dicir na nosa festa. Cando penso nas lembranzas que me trae a Festa da Barca, son moitas en clave feminina. Lembro, por exemplo, como nas vésperas as mulleres preparaban a casa; a min encantábame ese zafarancho de combate. Arranchar a casa e sobre todo pintala sempre antes da Festa. Pintar a casa dos avós, – a miña casa- unha casiña tipicamente muxiá  que estaba onde hoxe está O Picoteo. Era unha casiña de pedra caleada e cos zócalos,a porta e as ventás en cor verde, da pintura que sobraba da gamela. O caleado xunto coas cores da pintura aproveitada dos barcos daba un aspecto precioso ás casas de Muxía.
Pensar na casa lévame a pensar que estou falando no meu propio territorio. A miña casa estaba aquí, xunto ao Cabo da Vila. Este era o meu territorio, no que aprendín a andar en bicicleta e no que agardei moitas veces para coller auga na fonte. Moi perto da Praia de Don Manolo, da Pedra dos Corvos  e do cine, a casa estaba flanqueada pola Cas de Dolores e a Cas de Demetrio. Territorios todos eles máxicos. Podería contar mil historias de moita xente que relaciono con este territorio. Pero non quixera estenderme nalgo demasiado persoal que puidera aburrirvos.
Só contar que o que máis me gustaba da casa dos meus avós era esa porta de dobre folla, que semellaba unha ventá sempre a aberta. Nunca estaba pechada e a xente abría o postigo para entrar sen chamar. Lembro Barcas nas que pechou de chuvia e entraron para casa centos de romeiros. Non iamos deixar que estiveran á chuvia! Era unha casa máxica, pois con ser ben pequeniña podía estirar ata o infinito para dar cabida a medio mundo. Dende esa porta aberta ao mundo poderíamos contar a historia de Muxía. Tódalas persoas que paraban a falar baixo aquel balcón baixiño, que podíamos tocar coas mans, contarían unha historia e tódalas historias entretecidas son a historia mesma nosa.
Eu xogaba na porta e saltaba contenta a avisar  cando alguén se achegaba, era a leiteira, ou unha muller coa cesta na cabeza, ateigada de patacas, ou millo…Esas mulleres que chamaban a miña atención eran como fadas da fartanza, as súas cabezas daban peixe, cereais, percebes ou patacas. Canda pequena mirábaas dende abaixo e  gustaríame voar ata esas cestas inmensas para ver todo o que levaban.
Co tempo comprendín que esas mulleres que traian o leite, esas que ían e viñan coas cestas ateigadas na cabeza foron as que construíron este país. Percorreron o país de punta a chicote levando o peixe e traendo o millo. E con elo criáronnos a todos, e construíron unha comunidade que aínda segue aquí. O escudo de Galiza había ter no centro unha muller coa cesta na cabeza.
Outra lembranza da Festa da Barca en clave feminina  que non quero deixar de traer hoxe é o arrecendo inconfundible que invadía a vila ás vésperas. Era un arrecendo a azucre, limón, ovos, e anís. Ese arrecendo ía avisando de que alí, na Praza da Leña algo máxico estaba a ocorrer. E cando íamos indo,coma os ratiños do conto tras do frautista, seguindo o arrecendo,  e chegabamos á Praza da Leña, ocorría outra cousa máxica, un son acompasado e fermoso , case coma o da Pedra de Abalar ou coma atrainte canto de sereas, dicíanos que alí estaban a nai ou a avoa , en marcha, no medio do batallón de mulleres co batedor na man ,batendo todas á vez coma a mellor orquestra . Estaban facendo o pan de ovo, o biscochón ou a tarta de almendra. E  como mestre de cerimonias estaba aquel home elegante, que a min sempre me recordaba a Luis Mariano, dirixindo o coro celestial das batedoras. Era Aurelio,o alquimista que transformaba no forno os manxares que preparaban as mulleres. Ai o lamber o caldeiro! máis dun e dunha estase acordando daquel saboriño…
Así como a luz de Muxía é única, de entre os sons de Muxía hai moitos  que son moi fermosos, o mar, os panillos, a Pedra de Abalar, ou a traca da Barca….pero, a min alegrábame especialmente o son do batedor porque era o preludio da festa….
Como di Felipe Senén somos uns privilexiados, porque aínda coñecemos a prehistoria deste Pais, tivemos casa e lareira na casa,… e eu engadiría  que lambemos o caldeiro da avoa cando facía o bizcochón. (Iso era coma a poción máxica de Asterix)
As mulleres foron responsables sempre de facer a Barca inesquecible, preparaban a casa, ían ao forno, asaban o cabrito para un batallón de xente… Estiraban as casas para acomodar a tódolos familiares. E non durmían, estaban en pé para dar conversa e café ao que ía chegando a deshoras da noite, ou do día. As mulleres sempre, fortes e xenerosas.
Continuando coa Barca e as mulleres, no ano 1853 chegou ata Muxía unha moza que cambiou a Festa da Barca para sempre. Cambiouna porque a converteu nun poema fermosísimo dedicado ás mulleres, a dignificalas e afastalas do estereotipo que se ditaba dende España por algúns literatos con moi mala lingua. Foi Rosalía de Castro, nesa  época unha moza de 16 anos, culta e rebelde,  que chega á Romaría da Barca, coa súa amiga Eduarda, e nesta Romaría ve todas esas mulleres que logo describe no poema á Nosa Señora da Barca, en Cantares Gallegos, poema no que – como nos explica Anxo Angueira – Rosalía está defendendo á muller galega dos ataques misóxinos e antigalegos da época, mostrando unha Romaría chea de mulleres fermosas e libres para gozar do seu corpo e do seu tempo como elas queiran.
E aí quería chegar eu, á liberdade para gozar  da festa. Dende hai tempo vimos escoitando iso de que agora a Barca xa non é o que era, que hai que marchar da vila os días da festa, que agora a verdadeira festa dos muxiáns é as Rutas do Mar
Certo é que todo muda. E a Barca non ía ser menos. E certo é que as Rutas do Mar é unha festa marabillosa, pero tamén escoito dicir dela que“é unha festa moi bonita, é coma a Barca de antes”. Así que as Rutas do Mar gústanos porque nos lembra á Barca, á nosa Barca.
Mirade, cando algo é tan noso coma a Barca non podemos rendernos e deixalo ir sen máis. A min unha das palabras que máis me gustan é RESISTENCIA.
Durante moito tempo- demasiado- a nosa lingua estivo prohibida, pero o pobo galego, que é moi sabio, encargouse de mantela gardadiña e coidada,  como dixo López Abente, coma gardaban as velliñas as mazás antre a roupa branca. Gardárona para as xeracións futuras e hoxe seguimos a ter unha lingua vizosa cunha literatura envexable. Ben, tal como van as cousas tede preparadas as lacenas e as mazás por se acaso, non haxa que manter á nosa lingua gardadiña de novo…e se é así aí estaremos…estamos afeitos.
Do mesmo xeito que gardamos a nosa lingua temos que defender todo o que é noso. Cando vexo baixar polos camiños a tanto romeiro e romeira a pé, sempre penso que esta xente que é tan sabia non pode estar errada, algo ten a Barca e ese algo aínda existe cando a xente segue a camiñar  para vir ata aquí.
A quen non lle sube un bule bule polo corpo canda a traca, ou canda os fogos artificiais, ou cando sentides as alboradas e vemos os nosos cabezudos? E a quen non lle queda unha tristura moi fonda, un non sei que , unha saudade inexplicable cando o martes da Barca vemos os campos baleiros de romeiros e quedamos de novo sós? .
Recoñecédeo, os que marchades estes días marchades cun algo no estómago. Por moito que esteamos cheos de botellón e chunda chunda,..a Barca tira. Podo aseguralo porque convivo cun muxián moi muxián, que dí que pola Barca aínda sen sair  da casa abondaríalle con ver dende a ventá Muxía chea de xente. Coma a Muxía do poema de Rosalía.
De verdade, muxiáns, non deixedes de amar a Barca. Cando amamos de verdade a alguén non deixamos de querelo porque cambie co paso dos anos. Sempre hai que fixarse no bo.
A Barca segue a ser unha festa para os sentidos, ver as hortas cheas de xente, abalar a Pedra, ver o Corpiño ateigado de persoas… iso remove a calquera. Porque sempre fomos un pobo orgulloso do noso.
E se falo como artista, non podo deixar de ver unha festa que desborda pola súa cor. Cantidade de rostros que contan historias diversas. Moreas de xente que cambian a paisaxe durante uns días ou fúndense con ela convertíndoa en paisaxe humana. Mulleres con peiteados de festa e os mellores brincos para seren máis fermosas, os nenos lambendo doces de cores, romeiras axeonlladas a redor do Santuario,  homes e mulleres que cocen tanto polbo que parece que xa eles mesmos teñan tentáculos, os mozos de Muxía vestidos de cabezudos cos seus traxes tan esperpénticos e surrealistas feitos de retallos de non sei que cousa…e a Pedra que fala e que di que estes que saltan sobre ela son os fillos e fillas dos que un día lle deron nome e poderes, para fundar a partir dela, da Pedra,  todo un pobo.
A Barca é un espectáculo.  Lembro as Barcas ben fermosas que vivíamos cando eu era moza, polas rúas de atrás. Cantabamos e bailabamos coma nesas Rutas do Mar que tanto nos gustan. E se algo ten de bó esa festa das Rutas do Mar, que debemos recoller para a Barca, é que as mulleres non están metidas na cociña, saen a cantar e bailar ceibas polas rúas de Muxía. Ceibas… que palabra tan fermosa.
Pois ben, para ir rematando, convídovos a ser insubmisos e insubmisas, a ser rebeldes, a non aceptar que  acaben coas nosas tradicións, a loitar polo que é noso. Non aceptedes que a Barca desapareza. Saíde as pandeireteiras a cantar polas rúas, saiamos as mulleres a gozar a festa coas compañeiras e compañeiros,  tomemos as prazas, o Cabo da Vila, a Praza da Constitución, a rúa da Encarnación. Saíde os gaiteiros muxiáns  e tocade no campo da Barca, xunto ao cruceiro que sempre foi o verdadeiro baile da Romaría. Tomemos a nosa festa, disfrutémola coma as mozas ceibas das que falou Rosalía, saiamos ás rúas a choutar, a liberarnos a dicir en voz alta que somos unha tribo, a tribo muxiá, a que resistiu ventos e temporais, a que resistiu enchentes do mar polas rúas de Muxía, e petroleiros e fames negras e mal tempo, e somos os que tivemos tamén fartanza e mulleres que trouxeron o leite a casa e colleron percebe e trouxeron pan. Somos unha tribo e a Barca é a nosa festa.
Contra a tristura, os malos tempos e a Negra Sombra o mellor antídoto é un pobo unido que sabe gozar unido, porque tamén ha saber chorar unido  e loitar unido, e axudar cando sexa necesario.
E a todos os que vides de lonxe, sede benvidos, vide a gozar da Barca. Aquí sempre teredes lugar. A festa tamén é vosa, pero vide sempre co espíritu aberto para respectar á Romaría.
Nos últimos tempos a Barca sofre de novos usos sociais e comerciais que dalgún xeito colonizan e desvirtúan o que sempre foi, unha vila franca, aberta a todo o que chega con ánimo de divertirse sanamente ou aos que se achegan con esperanza ata o Santuario. Haberá que traballar para solucionalo.
Muxiáns, non vos deixedes vencer. Ilusionádevos de novo coa Barca. Recuperemos a nosa Romaría, para nós e para todos os que se achegan a disfrutala con nós. Porque esta é a festa das Festas, a Nai de tódalas festas. Nunca reneguedes dela.
Amade a Barca porque nela puxeron a súa ilusión moitas persoas que xa non están, que dende a emigración enviaron os seus cartos, ou mariñeiros que deron durante anos unha parte do seu traballo no mar para que a festa seguira viva. Non defraudemos nunca aos que aguantaron da Barca para que chegara ata nós.
E xa, permitídeme unha última licencia persoal, antes de rematar,  e é lembrar a un amigo que xa non está,ao home co que teño pasado as Barcas mellores da miña vida, o meu amigo Pancho Grille. A súa xenerosidade, a súa voz ronca e a súa alegría acompañaranme sempre e nunca, nunca,  chegará a festa da Barca sen que eu o lembre e alce a miña copa por el.
Para rematar, só me queda dicir: Viva a Barca  por sempre. Viva o pobo de Muxía. Vivan as mulleres todas que ata aquí nos trouxeron e vivan o mar e a terra que nos dan a vida.
         13.09.2013