Como podedes ver no Blog xestioncultural.wordpress.com, o Proxecto Buserana gañou o Concurso de ideas e Proxectos para Xestión Cultural que organiaba este blog do sector da Xestión Cultural galega.
Queremos agradecer o seu apoio ás persoas que votaron polo noso proxecto e ao blog a iniciativa , que permite crear un banco de ideas e intercambio de iniciativas entre os profesionais da xestión cultural.
Tamén queremos dar os nosos parabéns ao Proxecto Socheo, co que compartimos obxectivos e amor pola nosa cultura. Sen dúbida tamén aprenderemos moito deste proxecto e disfrutaremos os seus resultados, que redundan en beneficio de toda a comunidade galega.
Estamos moi satisfeitos por ter como finalista tamén á Galería Mulleres, un programa do nosos Concello e que traballa pola visibilización e difusión do traballo da muller.
Agardamos que este recoñecemento sexa un motivo máis para seguir traballando e que vos animedes a continuar enviando materiais e ideas para o noso blog.
VIMOS DE INTRODUCIR TRES NOVAS PÁXINAS NO NOSO BLOG: UNHA DEDICADA Á LITERATURA , OUTRA DEDICADA Á MÚSICA E UNHA TERCEIRA AO MERCADO DAS RUTAS DO MAR. NOS VINDEIROS DÍAS IREMOS COLGANDO MÁIS CONTIDOS EN ESTES TRES APARTADOS.
ENTRUIDO!
Chega o Entruido, e con el un pouco de festa no tempo de inverno.
Aquí vos deixamos estas fotografías do xenial Ramón Caamaño, o fotógrafo muxián que foi e segue sendo un caixón da memoria, pois coas súas imaxes cóntanos a vida das nosas xentes. Como vivían, como se divertían, como traballaban, como se retrataban para os familiares na emigración, como dician adeus nesas imaxes que facía dos difuntos nos cadaleitos, tan impactantes. Para algúns o único retrato que lles quedou do seu familiar …
Moito temos que agradecerlle ao noso Caamaño! Dende a oficina de turismo que era el mesmo , incansable xunto ao Santuario da Barca contando as nosas historias, falando das Pedras, mostrando os rincóns de Muxía nas súas fermosas postais que ofrecía xunto coa súa charla de namorado total da súa terra…ata esa memoria das nosas familias que gardamos como tesouros en caixóns e que hoxe veñen nutrir este Proxecto Buserana.
Que haberá detrás de cada rostro ? Cantas historias que podemos lembrar grazas a estas fotografías! E cantas historias esquecidas, pero que foron tecendo o que hoxe somos. Ainda haberá quen lembre estas festas de Entruido con eses veciños coa culler e o garfo no sombreiro, os bailes que organizaban nas palilladas…
Para sentirse vivo un pobo ten que saber gozar en grupo. Sair a rúa e rir. A risa é liberadora e o Entruido serve para socializar, rachar coa monotonía dos días, desbafar, denunciar, berrar, ser outras persoas, ou ser nós mesmos, o máis auténtico que levamos dentro.
Saiamos a rúa este Entruido para rachar coa escuridade, como fixeron eles e elas, os nosos avós e avoas, os que nos miran dende as fotografías de Caamaño.
O NOSO CABEZALLO
“(…) O mar, miñas amigas e amigos, é o noso grande tesouro. A identidade dos galegos é o idioma, pero o seu tesouro é esa colosal locura salgada e azul que non é quen de parar un momento de carriolarse. (…) ” Isidro Novo, no pregón do I Mercado das Rutas do Mar, ano 2007.
A fotografía que escollemos para o noso cabezallo é unha foto da autoría do historiador José Enrique Rivadulla Porta, que ilustra moi ben a esencia mariñeira de Muxía.

Na fotografía vemos as antigas casetas do peirao e o antigo peitoril coas gamelas colocadas todo ao longo do mesmo.Esta formación de gamelas percorría todo o paseo e recibía e acompañaba a todo o que se achegaba á nosa vila. As gamelas son as lanchas típicas de Muxía, de popa chata e fondo plano, e a gamela, como toda embarcación é unha prolongación da casa do mariñeiro.
( No apartado de língua deste blog pódese atopar un listado de nomes de gamelas e os seus propietarios).
A fotografía tamén ilustra moi ben o cambio na Muxía actual. Hoxe xa non existe o peitoril que foi sustituido por un paseo marítimo que , paradoxicamente para ser un paseo marítimo, oculta o mar. Dende os bares da ribeira xa case non podemos ver o mar, nin a chegada dos barcos, oculta tras paredóns, árbores e montañas cubertas de céspede .
No antigo Muxía, no que se ve na foto, o paseo discurría acompañado de praias ( a de Don Manolo, a das Lanchas a Ribeira do Capitán…) nas que xogaban os nenos, traballaban os homes e mulleres, varábanse as embarcacións para arranxalas, etc…Hoxe as praias xa non existen, desapareceron baixo o Paseo Marítimo. Un aséptico paseo que xa non nos define como comunidade mariñeira.
Con eso e todo, Muxía segue sendo un lugar fermoso, cunha luz especial , rodeado de mar e cunha paisaxe costeira impresionante que merece ser coñecido. A pesares de tódolos cambios Muxía segue a ser un lugar especial cuns puntos de interese que deixan boquiabertos a quen se achega a eles, como a Punta da Barca, Touriñán, Moraime, as Caldeiras do Castro….
Pero as raíces mariñeiras corren serio perigo cos cambios económicos e sociais dos últimos tempos. O Proxecto Buserana quere pescudar e recuperar o que se agacha baixo o asfalto, o que se agacha na memoria e que define as nosas raíces mariñeiras, porque a memoria é case o único que as pode salvar.


