A CAS DE JORGE
Recollemos artigo do blog saladoperello,como homenaxe emocionado á nosa veciña Gela.
http://saladoperello.blogaliza.org/2013/06/30/a-cas-de-jorge/
Montse de Leilía envíanos este vídeo da xota da muxiá Eva Castiñeira, video que imos incorporar no apartado de música deste blog. Agradecementos a Montse e a Leilía, por enviarnos o vídeo e por recoller a arte desta muxiá e por facelo tan ben.
Non se pode ser máis elegante cantando e tocando. E, por certo, non se pode ir mellor vestidas e calzadas dunha forma tan galega. Gozade da arte de Leilía con esta Xota de Eva
Tal día como hoxe, un 5 de xuño, nacía o poeta Federico García Lorca. Era o ano 1898, en Fuente Vaqueros, Granada.

E o grande poeta andaluz -e universal- loitador pola liberdade e víctima da barbarie franquista, ten moito que ver co noso Proxecto Buserana, xa que dedicou un dos seus poemas galegos a Muxía, concretamente á Virxe da Barca.
É un luxo toda a literatura que se relaciona con Muxía, pero é un luxo especial que García Lorca deixara algo escrito sobre algo tan muxián coma esta Virxe pequena.
Os poetas contan quen somos mellor ca ninguén, e algo houbo e hai en Muxía para inspirar aos mellores poetas, dende Rosalía de Castro ata García Lorca pasando por todos os nosos poetas costeiros.
Deixamos este fermoso poema como homenaxe a Federico.
ROMAXE DE NOSA SEÑORA DA BARCA (de Federico García Lorca)
¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!
A Virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
que no seu carro a levaban.
Pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montana.
Mortos e mortos de néboa
pol-as congostroas chegaban.
¡Virxen, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr’o teu manto
as foles da amortallada!
Pol-a testa de Galicia
xa ven salaiando a i-alba.
A Virxen mira pra o mar
dend’a porta da súa casa.
¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!
“ Ao falar deste meu vello e querido pobo, coido que sería ridículo o facelo noutra fala que non fose a mesma del a que cai de seu aquí, a que de cote lle serveu para as súas necesidades. A fala mimosa na que Rosalía cantou a súa sonada Romaxe da Barca, e Pondal as súas melancólicas paisaxes e brancas areas. A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca.” Gonzalo López Abente, 1921.
Chegou maio, o mes das letras galegas. Por tódolos lugares do país centos de persoas esfórzanse en honrar á nosa lingua a aos nosos escritores e escritoras organizando e participando en actos culturais e reivindicativos. Este traballo, hai que decilo, faise máis visible no mes de maio, pero é un traballo continuado ao longo do ano. Hai moitas persoas que traballan a prol da nosa cultura e para dignificar a nosa lingua, e a maioría das veces facendo grandes esforzos , con moito traballo e compromiso firme. Queremos solidarizarnos con todas estas persoas e sentirnos unidos, porque o Proxecto Buserana tamén é un proxecto pola dignificación da nosa lingua e cultura.
E ao falar de persoas comprometidas coa nosa língua, traemos hoxe a lembranza do noso poeta, o muxián Gonzalo López Abente ben comprometido con Galiza, como demostrou sobradamente. En 1916 participa na fundación das Irmandades da Fala. Este compromiso pode verse nas súas obras, nas colaboracións en revistas e xornais, nas actividades das Irmandades nas que participa, …Formará parte tamén do Seminario de Estudos Galegos (1926).
En 1936, antes da guerra, será elixido presidente da Asociación de Escritores Galegos e dará mitins polo Estatuto de Autonomía. O seu compromiso co galeguismo levarao a ser cesado no seu traballo no Banco Pastor .
O Compás da Costa, revista dixital de cultura da Costa da Morte, recolle unha reportaxe sobre o noso Proxecto Buserana, que podedes ver no seguinte enlace.
http://compasdacosta.com/blog/2013/04/03/muxia-ten-unha-caixa-onde-se-conserva-o-patrimonio/
“Galería Mulleres” do Concello de Muxía é un programa que destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc….
Cada mes escollemos a protagonista e elaboramos un cartel no que aparece a súa imaxe, datos sobre a súa biografía e a súa obra, enlaces web onde pode ampliarse información e unha lista dos libros dispoñibles na nosa Biblioteca da Muller que sexan de esa autora, no caso de que sexa escritora, ou libros relacionados con ela ou coa súa área de traballo Estes carteis repártense por todo o municipio e envíanse aos centros educativos.
Ademáis hai un espazo na web do Concello onde se colga o cartel e unha breve escolma da obra da muller á que se lle dedica o mes.
Toda esta información é enviada cada mes á prensa e a radio para que se fagan eco dela.
GALERÍA MULLERES naceu en marzo do 2010 co obxectivo de visibilizar a aportación da muller á historia da humanidade, ao mundo das ideas, das artes, das ciencias …ámbitos nos que tradicionalmente apareceu infrarrepresentada.
Ao mesmo tempo serve como difusión do servizo da BIBLIOTECA DA MULLER, servizo integrado dentro da Biblioteca Municipal de Muxía dende finais do ano 2008.
A Biblioteca da Muller inclúe obras escritas por mulleres, sobre mulleres ou sobre temáticas que afectan á muller …así hai obras sobre feminismo, obras sobre filosofía, antropoloxía, arte, literatura infantil, poesía, novela…. escritas por mulleres ou que aborden todos estes temas dende unha perspectiva de xénero.
OBXECTIVOS:
CONTIDOS:
Cada mes elabórase un cartel sobre unha muller. A muller seleccionada destaca polo seu traballo en algunha área das ciencias e das letras. As mulleres escollidas son de calquera lugar do mundo, aínda que destacamos máis a miúdo a mulleres galegas.
O cartel leva sempre a imaxe da muller escollida. Esto é importante para identificala, e ademáis poñemos coidado ao escoller as imaxes, para que sexan imaxes fermosas e significativas que falen sobre esa muller.
Hai un traballo de documentación sobre a muller escollida co que se elabora unha breve biografía que non pode ser moi extensa, pois vai no cartel, pero si que ha de ser suficiente para espertar a curiosidade de quen non coñeza á muller escollida ou para lembrarlla a quenes xa a coñecen. Pretendemos que quen vexa o cartel queira coñecer máis desa muller.
En canto á Biblioteca da Muller, buscamos obras da autora escollida, ou se non temos obras dela ou sobre ela, suxerimos algún título relacionado coa temática do traballo dela. Así conseguimos que as persoas interesadas se acheguen á Biblioteca Municipal .
Tamén se fai un traballo de selección de textos ou de fotografías da obra da muller do mes. Esta escolma cólgase na web do Concello de Muxía, tamén co obxectivo de que quen a vexa queira saber máis sobre esta obra.
Por último, facilítanse páxinas web onde o público poida obter máis información.
Con este traballo rendimos un particular homexe a mulleres importantísimas para a nosa sociedade e á muller en xeral, pois estas mulleres son representantes do traballo e a valiosa aportación da muller á sociedade.
Conseguimos, así, que moitas persoas descubran pintoras xeniais, escritoras brillantes, filósofas imprescindibles….que en moitos casos non sabían nin que existían. Tamén espertamos interese pola lectura.
O Entroido traenos o arrecendo do anís, os ovos e a fariña mesturándose co batedor nas mans da nai, …ou do pai, que os tempos cambian e eles tamén están na cociña, como debe ser. Este ano , na festa do Entroido de Muxía houbo degustación de orellas e filloas que fixeron operarios do Concello, un 99% , homes. Eles tamén poden cociñar, e non se admiten disculpas, todo o mundo pode aprender, só hai que ter vontade.