PROPOÑEMOS UN XOGO…

Foto cedida por Justo Benlloch Diz


Chega o Nadal , un tempo de vacacións para os rapaces e rapazas que andan xa pensando nos agasallos dos Reis e nas lambetadas de Nadal.
Hoxe vivimos un tempo de crise no que o Nadal vai ser duro en moitas familias que non terán para poñer unha mesa de festa nin para regalos, e non queremos esquecer isto no Proxecto Buserana.
Pero hoxe queremos lembrar aos nenos doutro tempo, aos que foron nenos hai uns cantos anos…aos que saen na foto que nos cede Xusto Benlloch. Eses nenos que xogaban cos barquiños de lata, ou construian pequenas cabrias para golgar os lorchos a secar, coma se foran congros. E logo transportalos cos camións de xoguete. Eran tempos nos que o que non tiña xoguetes axilizaba a imaxinación para construilos.
Como estamos en tempo de Nadal , propóñovos que sexamos un pouco nenos e que lembremos con que xoguetes xogabamos canda nenos. Enviádenos esas historias sobre os xoguetes que construiades ou os xoguetes que desexabades ter e que nunca chegaron, ou os que si chegaron e que non podedes esquecer por tantas horas compartidas con el. Contádenos a que xogábades canda nenos. Enviade as historias a : proxectobuserana@gmail.com
ou enviádeas como comentario a esta entrada.
E un segundo xogo: coñecedes aos que están na foto? enviádenos os nomes que coñezades

PCI EN GALICIA

Dende o noso blog do Proxecto Buserana, hoxe queremos presentarvos unha páxina web, impulsada por membros de Xandobela , na que podedes informarvos sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia. Tamén recollen unha listaxe de iniciativas no ámbito de traballo a prol do PCI , na que aparece o noso proxecto Buserana: http://patrimonioinmaterialdegalicia.webnode.es/iniciativas-pci-en-galicia/todas-as-iniciativas/proxecto-buserana/. Nesta listaxe podedes visitar outros interesantes traballos sobre o PCI de Galicia . Todos teñen en común a preocupación pola conservación do noso pratimonio inmaterial e son o froito do traballo  de persoas amantes da nosa cultura.
Animámosvos a navegar polas páxinas da listaxe que nos indican en PCI en Galicia, para coñecer mellor os diferentes elementos que conforman o patrimonio inmaterial galego !

Os trasnos fixeron das súas !!

Por estas cousas raras da tecnoloxía, meteronse uns duendes no meu ordenador e borraron as “galerías fotográficas” que tanto nos gustaban. Comezarei de novo a colgar as fotos en breve, para que todos/as poidades gozar delas.
Desculpas e paciencia. AXIÑA ESTARÁN AS FOTOS COLGADAS DE NOVO, E CON NOVIDADES.
Mentres podedes seguir enviando fotos a : proxectobuserana@gmail.com

CAIXA DOS DEMACHIÑOS. Obra de Viki Rivadulla "Os demachiños son trasnos, ou demos pequeniños, que andan polas casas revolvendo todo, cambiando as cousas de sitio...para tolear aos humanos. As meigas gárdanos en caixas. A meiga que ten unha caixa dos demachiños ten un poder e un estatus especial entre as outras meigas"

PREGÓN DA BARCA 2013, por Viki Rivadulla

A Romaría da Barca é unha fonte inmensa de elementos do Patrimonio Inmaterial de Muxía. Deixamos aquí o pregón da Romaría deste ano que estivo a cargo da artista muxiá Viki Rivadulla:

fotografía de Xesús Búa


PREGÓN:
Boas tardes e grazas tódolos presentes por acompañarme. Moitas grazas sr. Alcalde e sr. Presidente da Comisión de Festas por convidarme a dar este pregón. É un honor que me colliu de sorpresa, pero non son persoa dubide moito nas cousas que fago, asi que cando mo propuxeron aceptei. E aquí estou.
E aceptei por dúas cousas principalmente .Unha delas é porque esta é a oportunidade para dicir neste palco o nome dunha persoa que debería ser quen estivera aquí, se non fora porque tivo  unha vida moi corta. El foi a persoa que fixo, co seu traballo e coa documentación que aportou, que a Barca  fora declarada de interese turístico nacional.
Ese foi meu pai, a miña debilidade, José Enrique Rivadulla Porta, un home namorado de Muxía, que traballou dende a humildade, sen medios, pero que dedicou toda a súa vida á investigación e a percorrer camiños para reconstruír a nosa historia, pasando moitas horas  no Arquivo do Reino de Galicia, no de Simancas ou na casa do inesquecible Manuel Canosa, párroco de Coucieiro- Podería facer o pregón só falando dos días inesquecibles naquela casa , na aldea, con Blandina e Hermogénea.
Rivadulla Porta, meu pai, foi un experto en xenealoxía e heráldica da Costa da Morte. E ,a pesares de ter un traballo caladiño, a súa semente segue espallada por toda a comarca recollida por moitos libros. Como muxiá quero agradecerlle toda a documentación reunida sobre o Santuario da Barca e sobre o Camiño, pois foi o seu empeño demostrar documentalmente que o Camiño Xacobeo chegaba, xa dende a Idade Media ,ata Muxía.
Ben,  permitida esta licencia, que creo que era de xustiza pola relación que tivo o traballo do meu pai coa Barca, só dicir que espero estar á altura do que  me ensinou, xunto coa miña nai e os meus avós, de quen aprendin a amar Muxía. Hoxe prestareille a miña voz para falar dunha festa da Barca que era unha das súas paixóns.
O segundo motivo que me impulsou a aceptar dar este pregón, foi algo que teño que agradecer ao Alcalde, e é, non que pensara en min para este asunto, senón que pensara nunha muller. As mulleres aínda imos gañando pouco a pouco o lugar que nos corresponde nunha sociedade na que deberíamos convivir en pé de igualdade real cos homes. Pero aínda hai terreo por gañar.
Hoxe traio con orgullo unha voz feminina ao pregón da Barca, a segunda en todos estes anos,- despois de Teresa Lord, no ano 2005- e espero que sexan moitas máis.
De feito, as mulleres teñen moito que dicir na nosa festa. Cando penso nas lembranzas que me trae a Festa da Barca, son moitas en clave feminina. Lembro, por exemplo, como nas vésperas as mulleres preparaban a casa; a min encantábame ese zafarancho de combate. Arranchar a casa e sobre todo pintala sempre antes da Festa. Pintar a casa dos avós, – a miña casa- unha casiña tipicamente muxiá  que estaba onde hoxe está O Picoteo. Era unha casiña de pedra caleada e cos zócalos,a porta e as ventás en cor verde, da pintura que sobraba da gamela. O caleado xunto coas cores da pintura aproveitada dos barcos daba un aspecto precioso ás casas de Muxía.
Pensar na casa lévame a pensar que estou falando no meu propio territorio. A miña casa estaba aquí, xunto ao Cabo da Vila. Este era o meu territorio, no que aprendín a andar en bicicleta e no que agardei moitas veces para coller auga na fonte. Moi perto da Praia de Don Manolo, da Pedra dos Corvos  e do cine, a casa estaba flanqueada pola Cas de Dolores e a Cas de Demetrio. Territorios todos eles máxicos. Podería contar mil historias de moita xente que relaciono con este territorio. Pero non quixera estenderme nalgo demasiado persoal que puidera aburrirvos.
Só contar que o que máis me gustaba da casa dos meus avós era esa porta de dobre folla, que semellaba unha ventá sempre a aberta. Nunca estaba pechada e a xente abría o postigo para entrar sen chamar. Lembro Barcas nas que pechou de chuvia e entraron para casa centos de romeiros. Non iamos deixar que estiveran á chuvia! Era unha casa máxica, pois con ser ben pequeniña podía estirar ata o infinito para dar cabida a medio mundo. Dende esa porta aberta ao mundo poderíamos contar a historia de Muxía. Tódalas persoas que paraban a falar baixo aquel balcón baixiño, que podíamos tocar coas mans, contarían unha historia e tódalas historias entretecidas son a historia mesma nosa.
Eu xogaba na porta e saltaba contenta a avisar  cando alguén se achegaba, era a leiteira, ou unha muller coa cesta na cabeza, ateigada de patacas, ou millo…Esas mulleres que chamaban a miña atención eran como fadas da fartanza, as súas cabezas daban peixe, cereais, percebes ou patacas. Canda pequena mirábaas dende abaixo e  gustaríame voar ata esas cestas inmensas para ver todo o que levaban.
Co tempo comprendín que esas mulleres que traian o leite, esas que ían e viñan coas cestas ateigadas na cabeza foron as que construíron este país. Percorreron o país de punta a chicote levando o peixe e traendo o millo. E con elo criáronnos a todos, e construíron unha comunidade que aínda segue aquí. O escudo de Galiza había ter no centro unha muller coa cesta na cabeza.
Outra lembranza da Festa da Barca en clave feminina  que non quero deixar de traer hoxe é o arrecendo inconfundible que invadía a vila ás vésperas. Era un arrecendo a azucre, limón, ovos, e anís. Ese arrecendo ía avisando de que alí, na Praza da Leña algo máxico estaba a ocorrer. E cando íamos indo,coma os ratiños do conto tras do frautista, seguindo o arrecendo,  e chegabamos á Praza da Leña, ocorría outra cousa máxica, un son acompasado e fermoso , case coma o da Pedra de Abalar ou coma atrainte canto de sereas, dicíanos que alí estaban a nai ou a avoa , en marcha, no medio do batallón de mulleres co batedor na man ,batendo todas á vez coma a mellor orquestra . Estaban facendo o pan de ovo, o biscochón ou a tarta de almendra. E  como mestre de cerimonias estaba aquel home elegante, que a min sempre me recordaba a Luis Mariano, dirixindo o coro celestial das batedoras. Era Aurelio,o alquimista que transformaba no forno os manxares que preparaban as mulleres. Ai o lamber o caldeiro! máis dun e dunha estase acordando daquel saboriño…
Así como a luz de Muxía é única, de entre os sons de Muxía hai moitos  que son moi fermosos, o mar, os panillos, a Pedra de Abalar, ou a traca da Barca….pero, a min alegrábame especialmente o son do batedor porque era o preludio da festa….
Como di Felipe Senén somos uns privilexiados, porque aínda coñecemos a prehistoria deste Pais, tivemos casa e lareira na casa,… e eu engadiría  que lambemos o caldeiro da avoa cando facía o bizcochón. (Iso era coma a poción máxica de Asterix)
As mulleres foron responsables sempre de facer a Barca inesquecible, preparaban a casa, ían ao forno, asaban o cabrito para un batallón de xente… Estiraban as casas para acomodar a tódolos familiares. E non durmían, estaban en pé para dar conversa e café ao que ía chegando a deshoras da noite, ou do día. As mulleres sempre, fortes e xenerosas.
Continuando coa Barca e as mulleres, no ano 1853 chegou ata Muxía unha moza que cambiou a Festa da Barca para sempre. Cambiouna porque a converteu nun poema fermosísimo dedicado ás mulleres, a dignificalas e afastalas do estereotipo que se ditaba dende España por algúns literatos con moi mala lingua. Foi Rosalía de Castro, nesa  época unha moza de 16 anos, culta e rebelde,  que chega á Romaría da Barca, coa súa amiga Eduarda, e nesta Romaría ve todas esas mulleres que logo describe no poema á Nosa Señora da Barca, en Cantares Gallegos, poema no que – como nos explica Anxo Angueira – Rosalía está defendendo á muller galega dos ataques misóxinos e antigalegos da época, mostrando unha Romaría chea de mulleres fermosas e libres para gozar do seu corpo e do seu tempo como elas queiran.
E aí quería chegar eu, á liberdade para gozar  da festa. Dende hai tempo vimos escoitando iso de que agora a Barca xa non é o que era, que hai que marchar da vila os días da festa, que agora a verdadeira festa dos muxiáns é as Rutas do Mar
Certo é que todo muda. E a Barca non ía ser menos. E certo é que as Rutas do Mar é unha festa marabillosa, pero tamén escoito dicir dela que“é unha festa moi bonita, é coma a Barca de antes”. Así que as Rutas do Mar gústanos porque nos lembra á Barca, á nosa Barca.
Mirade, cando algo é tan noso coma a Barca non podemos rendernos e deixalo ir sen máis. A min unha das palabras que máis me gustan é RESISTENCIA.
Durante moito tempo- demasiado- a nosa lingua estivo prohibida, pero o pobo galego, que é moi sabio, encargouse de mantela gardadiña e coidada,  como dixo López Abente, coma gardaban as velliñas as mazás antre a roupa branca. Gardárona para as xeracións futuras e hoxe seguimos a ter unha lingua vizosa cunha literatura envexable. Ben, tal como van as cousas tede preparadas as lacenas e as mazás por se acaso, non haxa que manter á nosa lingua gardadiña de novo…e se é así aí estaremos…estamos afeitos.
Do mesmo xeito que gardamos a nosa lingua temos que defender todo o que é noso. Cando vexo baixar polos camiños a tanto romeiro e romeira a pé, sempre penso que esta xente que é tan sabia non pode estar errada, algo ten a Barca e ese algo aínda existe cando a xente segue a camiñar  para vir ata aquí.
A quen non lle sube un bule bule polo corpo canda a traca, ou canda os fogos artificiais, ou cando sentides as alboradas e vemos os nosos cabezudos? E a quen non lle queda unha tristura moi fonda, un non sei que , unha saudade inexplicable cando o martes da Barca vemos os campos baleiros de romeiros e quedamos de novo sós? .
Recoñecédeo, os que marchades estes días marchades cun algo no estómago. Por moito que esteamos cheos de botellón e chunda chunda,..a Barca tira. Podo aseguralo porque convivo cun muxián moi muxián, que dí que pola Barca aínda sen sair  da casa abondaríalle con ver dende a ventá Muxía chea de xente. Coma a Muxía do poema de Rosalía.
De verdade, muxiáns, non deixedes de amar a Barca. Cando amamos de verdade a alguén non deixamos de querelo porque cambie co paso dos anos. Sempre hai que fixarse no bo.
A Barca segue a ser unha festa para os sentidos, ver as hortas cheas de xente, abalar a Pedra, ver o Corpiño ateigado de persoas… iso remove a calquera. Porque sempre fomos un pobo orgulloso do noso.
E se falo como artista, non podo deixar de ver unha festa que desborda pola súa cor. Cantidade de rostros que contan historias diversas. Moreas de xente que cambian a paisaxe durante uns días ou fúndense con ela convertíndoa en paisaxe humana. Mulleres con peiteados de festa e os mellores brincos para seren máis fermosas, os nenos lambendo doces de cores, romeiras axeonlladas a redor do Santuario,  homes e mulleres que cocen tanto polbo que parece que xa eles mesmos teñan tentáculos, os mozos de Muxía vestidos de cabezudos cos seus traxes tan esperpénticos e surrealistas feitos de retallos de non sei que cousa…e a Pedra que fala e que di que estes que saltan sobre ela son os fillos e fillas dos que un día lle deron nome e poderes, para fundar a partir dela, da Pedra,  todo un pobo.
A Barca é un espectáculo.  Lembro as Barcas ben fermosas que vivíamos cando eu era moza, polas rúas de atrás. Cantabamos e bailabamos coma nesas Rutas do Mar que tanto nos gustan. E se algo ten de bó esa festa das Rutas do Mar, que debemos recoller para a Barca, é que as mulleres non están metidas na cociña, saen a cantar e bailar ceibas polas rúas de Muxía. Ceibas… que palabra tan fermosa.
Pois ben, para ir rematando, convídovos a ser insubmisos e insubmisas, a ser rebeldes, a non aceptar que  acaben coas nosas tradicións, a loitar polo que é noso. Non aceptedes que a Barca desapareza. Saíde as pandeireteiras a cantar polas rúas, saiamos as mulleres a gozar a festa coas compañeiras e compañeiros,  tomemos as prazas, o Cabo da Vila, a Praza da Constitución, a rúa da Encarnación. Saíde os gaiteiros muxiáns  e tocade no campo da Barca, xunto ao cruceiro que sempre foi o verdadeiro baile da Romaría. Tomemos a nosa festa, disfrutémola coma as mozas ceibas das que falou Rosalía, saiamos ás rúas a choutar, a liberarnos a dicir en voz alta que somos unha tribo, a tribo muxiá, a que resistiu ventos e temporais, a que resistiu enchentes do mar polas rúas de Muxía, e petroleiros e fames negras e mal tempo, e somos os que tivemos tamén fartanza e mulleres que trouxeron o leite a casa e colleron percebe e trouxeron pan. Somos unha tribo e a Barca é a nosa festa.
Contra a tristura, os malos tempos e a Negra Sombra o mellor antídoto é un pobo unido que sabe gozar unido, porque tamén ha saber chorar unido  e loitar unido, e axudar cando sexa necesario.
E a todos os que vides de lonxe, sede benvidos, vide a gozar da Barca. Aquí sempre teredes lugar. A festa tamén é vosa, pero vide sempre co espíritu aberto para respectar á Romaría.
Nos últimos tempos a Barca sofre de novos usos sociais e comerciais que dalgún xeito colonizan e desvirtúan o que sempre foi, unha vila franca, aberta a todo o que chega con ánimo de divertirse sanamente ou aos que se achegan con esperanza ata o Santuario. Haberá que traballar para solucionalo.
Muxiáns, non vos deixedes vencer. Ilusionádevos de novo coa Barca. Recuperemos a nosa Romaría, para nós e para todos os que se achegan a disfrutala con nós. Porque esta é a festa das Festas, a Nai de tódalas festas. Nunca reneguedes dela.
Amade a Barca porque nela puxeron a súa ilusión moitas persoas que xa non están, que dende a emigración enviaron os seus cartos, ou mariñeiros que deron durante anos unha parte do seu traballo no mar para que a festa seguira viva. Non defraudemos nunca aos que aguantaron da Barca para que chegara ata nós.
E xa, permitídeme unha última licencia persoal, antes de rematar,  e é lembrar a un amigo que xa non está,ao home co que teño pasado as Barcas mellores da miña vida, o meu amigo Pancho Grille. A súa xenerosidade, a súa voz ronca e a súa alegría acompañaranme sempre e nunca, nunca,  chegará a festa da Barca sen que eu o lembre e alce a miña copa por el.
Para rematar, só me queda dicir: Viva a Barca  por sempre. Viva o pobo de Muxía. Vivan as mulleres todas que ata aquí nos trouxeron e vivan o mar e a terra que nos dan a vida.
         13.09.2013

D.ROMUALDO BENTÍN E AS TORRES DA BARCA

O actual Santuario da Barca , orixinalmente non tiña as torres que agora podemos ver. Foi no ano 1958 cando se contrata a construción das mesmas.

O Santuario da Barca , ainda sen torres


As torres recén estreadas, nunha foto de Ramón Caamaño datada no 04.09.1959


Hoxe queremos compartir con vós unha fotografía de Caamaño que nos chega a través de Chete Pose e na que podemos ver ao benefactor que sufragou os gastos da construción das torres, D. Romualdo Bentín, , coa súa familia de México e a súa irmán Rafaela, nai de Ramón Caamaño. A foto é de 1928 e é a seguinte

Romualdo Bentín e familia. 1928. Foto de Ramón Caamaño, cedida por Chete Pose


Aproveitamos a chegada desta fotografía para completar o documento cos datos que nos conta sobre as torres da Barca o historiador José Enrique Rivadulla Porta, no seu libro Santuario de Ntra. Sra. de la Barca. Notas históricas. , publicado no ano 1974. No Capítulo sobre a historia do Santuario hai un des glose moi detallado de datos da construción dos diferentes elementos do mesmo e as doazóns que as fixeron posibles. Así aparecen datos da construción do tellado, da Casa Reitoral, da campá e limpeza da prata, do adro, do campanario , dos altares, do incensario, das lámpadas, altar Maior, etc…
Reproducimos a continuación o documento que publicou Rivadulla sobre as Torres do Santuario e D. Romualdo Bentín no libro sinalado máis arriba
Ano de 1958-Torres e Campanario. O 19 de agosto deste ano, ante o notario don Rafael Benzo Menze, residente en Vimianzo, fíxose contrato entre o Párroco de Muxía don Manuel Eirín Cadavid, dunha parte, e da outra don José Albores Gándara, contratista de obras, veciño de Vimianzo, sobre a construción de dúas torres , con dous corpos de arcadas, sobre o proxecto do arquitecto don Peregrino Estelles.Os materiais deberán de ser da mellor calidade. As mesturas, segundo se  especifica en dito proxecto han de ser que a pedra sexa de Berdoias, Concello de Vimianzo,  e a obra deberá ser entregada totalmente executada, antes do 1.09.1959. Esta obra quedou fixada en prezo de 495.021,20 pesetas, que se aboarán en catro entregas.Don José Albores Gándara tamén se obriga a entregar debidamente instaladas nas torres as campás das seguintes características.1º campá para instalar no primeiro corpo de arcadas de 784 milímetros de boca e 280 quilos de peso, con nota de SI. 2º Campá tamén para instalar no primeiro corpo de arcadas con 740 milímetros de boca con 240 quilos de peso e nota en DO. 3º Campá para instalar no segundo corpo de arcadas con 660 milímetros de boca e 160 quilos de peso e nota en RE. E 4º Campá para instalar no segundo corpo de arcadas con 587 milímetros de boca e 116 quilos de peso con nota en MI. Corresponden aos números da mostraxe da casa Viuda de Muria , de Vitoria, e o prezo que ten o contratista polas catro campás e a súa instalación fíxase en 149.985 pesetas. As dúas cruces de bronce foron fundidas e pulidas nos Talleres de Solórzano, da Coruña e o seu prezo foi de 4.494,40 pesetas. Todos estes gastos foron a expensas de Don Romualdo Bentín Moreira, natural da vila de Muxía.
A inauguración e bendición das Torres e Campás tivo lugar ás 17 horas do día 29 de setembro de 1959, Festividade do Glorioso Arcanxo San Miguel, polo Excmo. Sr. Bispo Auxiliar Dr, Novoa Fuente.
Ata aquí o documento de Rivadulla que continua detallando outras doazóns de veciños de Muxía – como a construción do Coro, tamén a expensas de Romualdo Bentín-  , algúns emigrantes , outros veciños que doaban anulamente rendas de ferrados de trigo ou o párroco D. José Fondevila, grande benefactor do Santuario . Entre todos eles fixeron  posible o Santuario tal coma hoxe o coñecemos.
 

ARRIBADA

Seguen chegando fotos dos veciños ao noso Proxecto Buserana. Da gusto ver con que cariño gardan os muxiáns estes tesouros da memoria colectiva, e con que ilusión contribúen a completar este caixón da memoria que é a nosa galería. Porque cada foto conta un anaquiño da historia nosa , a de todos
Festas populares, retratos para enviarlle á familia na emigración, as procesións, a chegada do mar, as palilleiras na rúa sentadas nas súas cadeiriñas, o forno, o cine Mugía, os equipos de fútbol…. Rostros que nos miran sorrindo dende o pasado e cóntannos como fomos, e entón tamén exprican como somos agora.
Estes rostros tamén nos falan de tempos que non foron doados, tempos de traballo no mar sen nengún adianto técnico, tempos de mulleres camiñando e camiñando cargadas para levar o peixe e traer os produtos da aldea, tempos de moitos fillos na casa e moitas bocas para sentarse á mesa, tempos de nenos e nenas xogando na ribeira do Capitán construindo os seus propios xoguetes,  agardando polo camión de Rivadulla, a ver se chegaba a bicicleta que nunca chegou…son rostros que nos miran dende aqueles tempos duros  e ainda así sorrin ou están serios para sair ben na foto ou aparecen  mostrando as súas mellores galas para encarar o futuro con dignidade.
Moitas fotos das que nos chegan son grupos de persoas celebrando a festa, ou grupos traballando, ou grupos posando na rúa, grupos…ese é o secreto . Muxía foi sempre unha tribo, un grupo, unha familia. O mellor conxuro contra a adversidade .
Iso é do que nos falan estas fotos, do grupo que debemos ser, da comunidade que fomos e que debemos recuperar e seguir construindo.

Foto cedida por Miguel Figueroa, O Javito


Hoxe escollemos como ilustración esta fermosa foto que nos trae Miguel Figueroa– o noso Javito de toda a vida- , unha foto na que homes ,mulleres e nenos rodean unha gamela á chegada a terra. A arribada, sempre foi unha festa. Sempre sorrisos arredor dunha gamela chea de peixe. O sorriso da chegada a casa, da espera que remata, da cadeira chea, do peixe saltando para darnos a vida. Eles e elas mírannos para contarnos como era esa chegada e nós do outro lado miramos tentando adiviñar en cada rostro un rostro familiar e lembrando tamén aquela rambleta chea de vida que xa non existe – os flamantes  paseos marítimos non entenden moito de humildes rambletas cheas de vida- pero que debemos lembrar para non esquecer quen somos e quen foron os que nos trouxeron ata aquí.
Disfrutade da foto.

UNHA NOVA ACTIVIDADE RELACIONADA CO NOSO PROXECTO

(Esta actividade estaba prevista para a semana pasada, pero anulouse  pola traxedia de Angrois. Esta semana retomámola) .
O vindeiro venres , 2 de agosto chega a Muxía o Bicomún. Unha actividade da que podedes informarvos no seguinte enlace http://bicomun.niquelarte.org/muxia-06.html                                                                                                                               Guadalupe Jiménez-Esquinas, unha antropóloga que está facendo a súa tese doutoral sobre as palilleiras da Costa da Morte,  púxose en contacto con nós para ver a posibilidade dunha colaboración para traer esta interesante actividade a Muxía. O Bicomún é unha forma diferente de promocionar o noso patrimonio.
Moitas grazas Lupe, por traernos esta iniciativa a Muxía.
Animádevos a participar, o venres, ao longo do día na praza do Cabo da Vila. Podes darte unha volta pola praza mentres visitas o tradicional mercado do venres.

CATRO IMAXES DE MUXÍA

Incorporamos hoxe tres novas fotos que van para as nosas Galerías Fotográficas, e que nos envía Sabela Benlloch, do arquivo de Xusto Benlloch Diz.
Pancho Grille e o propio Xusto transportando congro, como fixeron tantos nenos e nenas de Muxía:

2 de xuño de 1967


A festa, a Romaría , algo tamén moi importante en Muxía, un momento de reunión e desfrute dos muxiáns:

15 de setembro de 1969


E o fútbol, que en Muxía sempre foi un elemento socializador e dinamizador da sociedade:

Foto Caamaño. Campo da Arliña , anos 20.


Agardamos que gocedes destas tres fermosas imaxes e damos as grazas por compartilas con nós a Sabela e Xusto.
Por outra banda, acaba de chegarnos outra imaxe de Muxía, ligada tamén á memoria colectiva, a procesión do Carme coas Comuñóns dos rapaces, neste caso a de Carmen Mouzo que quere compartir con nós este recordo. Grazas Carmen.

Carme de Muxía, ano 1970. Fotografía cedida por Carmen Mouzo


Aproveitamos para animar a tódolos veciños/as a enviarnos fotografías do seu arquivo persoal a : proxectobuserana@gmail.com
 

O PROXECTO BUSERANA VIAXA ATA MUROS, PARA MOSTRAR O SECADO DO CONGRO

Logo de que Madó Santos, técnico de cultura do concello de Muros e membro da comisión organizadora das Xornadas de cultura mariñeira Muros Mira ao Mar se puxera en contacto co  Proxecto Buserana , mostrandose interesada polo traballo feito dende este proxecto como promoción da cultura mariñeira, especialmente o secado do congro, estableceuse unha colaboración para que o Concello de Muxía mostrara o proceso de secado do congro nas Xornadas de cultura mariñeira “Muros mira ao mar”.

Así, o venres 5 de xullo ás 19,00 da tarde, na fábrica de Sel de Muros, Xan Fernández Carrera e Antonio Paz Pardiñas expricaron o proceso de secado do congro, xunto con Socorro Leal,- de Muros- que falou do afumado.

Ademais colaboramos coa mostra de fotografías sobre o secado do congro, onde tamén se puido ver a escultura Secadoiro de congro, de Viki Rivadulla e Rolando Barrientos.

Como parte desta colaboración entre ambos concellos, no Mercado das Rutas do mar de Muxía, en agosto, poderase ver unha recreación do afumado da sardiña, que aportará o Concello de Muros, con Socorro Leal.

Moitas grazas ao Concello de Muros, e especialmente a Madó e á Comisión organizadora das Xornadas, por convidarnos e , sobre todo, por contribuir á conservación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial!

Escultura SECADOIRO DE CONGRO, de Viki Rivadulla e Rolando Barrientos