O FORNO

O Entroido traenos o arrecendo do anís, os ovos e a fariña mesturándose co batedor nas mans da nai, …ou do pai, que os tempos cambian e eles tamén están na cociña, como debe ser. Este ano , na festa do Entroido de Muxía houbo degustación de orellas e filloas que fixeron  operarios do Concello, un 99% , homes. Eles tamén poden cociñar, e non se admiten disculpas, todo o mundo pode aprender, só hai que ter vontade.

Traballadores do Concello de Muxía, nas festa do Entroido


 Pero indo á memoria colectiva ,estes doces de Entroido lévannos a un lugar máxico que houbo en Muxía e que hoxe xa non existe. Nas vésperas de festa estaba ateigado de mulleres, nenos e nenas e producía un son que case era un canto de sereas levándonos cara o Paraíso. Ainda que o son non era un doce cantar, senón un bater rítmico e acompasado, case coma o da Pedra de Abalar , que anunciaba a festa. Moitos  lembramos aínda aquel son do batallón de mulleres batendo todas á vez e acompasadamente , para facer os doces de Muxía: o pan de ovo, o “biscochón” , ou a torta de améndoa…receitas que forman parte da cultura inmaterial do noso municipio. Aquel son das mulleres batendo no forno está xa ligado ás vésperas da festa na memoria sonora colectiva que forma tamén parte do patrimonio inmaterial de Muxía.
O recendo na Praza da Leña a limón, anís, ovos con azucre, ….era como dicimos, o Paraíso.

Mulleres no forno. Fotografía de Ramón Caamaño.


Estamos a falar do forno. As persoas de mediana idade de Muxía aínda o lembran en plena actividade. O seu último rexente foi Aurelio González Fernández ( homenaxeado no 2012 co Premio María Amelia do Concello de Muxía).

Aurelio González Fernández. Fotografía de Viki Rivadulla


Aurelio traballara , dende os 14 anos, no forno cos seus pais como axudante de Jesús “ o forneiro” ,e logo de Ramón Barrientos “o chileno”. Logo de estar na emigración retomou o traballo no forno ata o seu retiro , en 1986. Aurelio, que ademáis foi presidente do equipo de fútbol, facía empanadas para o equipo e o día que o Muxía gañou a Liga da Costa fixeron unha festa na panadería, na que cociñou Fina Caamaño , – inesquecibles as súas tortas de améndoa ( na sección de gastronomía colgaremos algunas receitas de Fina Caamaño, doces típicos de Muxía).
O forno era un centro social para os veciños de Muxía, cumpriu un papel socializador, como lugar de reunión e encontro.
( Unha vez máis temos que agradecer a Ramón Caamaño que gardara memoria das mulleres batendo no forno, na fermosa fotografía que acompaña este artigo).
A familia de Aurelio está ligada a aquel forno, os seus pais e irmáns…, unha familia que , ademáis, tiñan unha tenda que sacou de moitos apuros ás familias mariñeiras, cando non tiñan cartos para ir mercar comida. Eso era veciñanza, familia, e en Muxía sempre ten que haber un recordo agredecido para estas persoas.
Nas vésperas da Romaría da Barca as mulleres ían ao forno a cocer os doces e xantares para a festa;  o traballo no forno era un trafego constante , os rapaces acompañaban ás nais e avoas a ese lugar case máxico no que Aurelio – aquel panadeiro elegante ao Luis Mariano- transformaba o traballo das mulleres en doces dourados tras pasar pola alquimia do seu forno.
Para os rapaces da Muxía daquel tempo , ir ao forno era como ir ao mellor centro de diversión que se poida imaxinar. E lamber o caldeiro cando a avoa ou a nai remataba de bater, era probar un manxar de deuses. Para quen foi neno ou nena na Muxía daquel entón o forno de Aurelio é imposible de esquecer.
Os forasteiros que se achegaban a Muxía sempre falaban das delicias do pan de Muxía, aquel pan artesán feito con mimo que acompañou o alimento de tantas bocas, que acompañou aos homes no mar, no cesto do xantar e que hoxe forma parte da memoria colectiva.
O pan , o máis humilde dos alimentos , pero que simboliza a mesa chea , o alimento básico da xente traballadora .
O pan artesán, a broa e os doces típicos  ( pan de ovo, biscoito, tarta de améndoa, …) seguen formando parte da cultura gastronómica da nosa comunidade