Rosalía de Castro e Muxía

placa inaugurada onte, 2 de marzo de 2013, na ribeira de Muxía


Non podemos deixar de dar conta dun feito importantísimo para Muxía que se celebrou onte, 2 de marzo de 2013, por  iniciativa da Fundación Gonzalo López Abente, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, e que é a posta en valor de un elemento fundamental do noso patrimonio inmaterial e da nosa historia muxiá, que trascende as nosas fronteiras para ser un feito de importancia para tódolos galegos e galegas , pola relevancia da persoa á quen nos estamos a referir : falamos dos actos de homenaxe a  Rosalía e nos que se deixou constancia da estancia da Nosa Poeta en Muxía

Nenas e nenos de Muxía recitando poemas de Rosalía


Foi un acto moi emotivo , onde recuperamos memoria de esa moza Rosalía de Castro, que con 16 anos chegou ata Muxía e chegou – en palabras de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalíacomo unha muller ceiba, ela soa con Eduarda Pondal, probablemente a cabalo, – según apuntou na súa conferencia Manuel Vilar, citando dato de Rivadulla Porta– nunha época na que , como nos contaba  Vilar , as mulleres que vivían soas non eran ben vistas e hai documentación  na que se lles aconsella que vivan con seus pais, ainda que sexan adultas ou vellas, se non teñen home.
Nesa época unha moza de 16 anos, culta e rebelde,  chega á Romaría da Barca, sen máis acompañamento que a súa amiga Eduarda, e nesta Romaría queda prendada de todas esas mulleres que logo descrebe no poema á Nosa Señora da Barca, en Cantares Gallegos : esas mulleres humildes e fermosas que chegan á Romaría da Barca a disfrutar e bailar. A elas – máis cá Virxe da Barca- dedica un poema no que – como nos expricou Anxo Angueira- Rosalía está defendendo á muller galega dos ataques misóxinos e antigalegos da época, mostrando unha Romaría chea de froles que son as fermosas mulleres galegas, mulleres libres para disfrutar do seu corpo e do seu tempo como elas queiran.

Félix Porto e Anxo Angueira descubrindo a placa conmemorativa da estancia de Rosalía en Muxía


Onte os actos comezaran coa colocación dunha placa conmemorativa no lugar onde estaba a casa na que Rosalía se aloxou. Falaron alí o presidente da Fundación GLA, Félix Porto e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A secretaria da FGLA, Viki Rivadulla, presentou ás nenas e nenos dos centros educativos de Muxía, que leron poemas de Rosalía. Tamén fixo entrega a Antonio Paz,- propietario do establecemento de hostalería que está hoxe no lugar onde estaba a casa-   dun pergamiño conmemorativo para poñer no interior do seu establecemento.
A casa na que se aloxou Rosalía era a do médico Leandro Abente Chans, que era o avó do poeta muxián Gonzalo López Abente. (Rosalía e López Abente unidos por algo máis que a súa defensa da cultura galega e da nosa Terra). Leandro Abente tamén era tío de Eduardo Pondal.
Logo, X. H. Rivadulla Corcón , vicepresidente da Fundación GLA presentou, no Salón de Actos as conferencias sobre Rosalía.

Manuel Vilar, Rivadulla Corcón e Anxo Angueira


Manuel Vilar , patrón e membro da executiva da Fundación Gonzalo López Abente, dou na súa conferencia unha visión moi documentada da Muxía da época, mentres que Anxo Angueira mostrounos a verdadeira Rosalía, a muller libre que foi quen de converterse na nosa poeta, a poeta nacional galega e expricou o sentido do proxecto de dignificación nacional que Rosalía inicia en Cantares Gallegos , do que celebramos 150 anos da súa publicación.

Cartaz dos actos


 

2 reflexións sobre “Rosalía de Castro e Muxía

  1. Este sitio Web conta a nosa historia dende a imaxe, ó son e dende a alma. Gracias a quen tivo a idea para conservar a nosa memoria, a nosa historia e o noso patrimonio para o futuro dos nosos fillos.

    • Grazas polo comentario. Animámosvos a participar enviando o que queirades. Por que non algo sobre as artes de pesca en Muxía? Sodes os indicados para facelo e estariamos encantados de publicalo como colaboración vosa e compartilo con todos os usuarios do blog.Para que quede constancia do patrimonio da pesca artesanal de Muxía! Apertas

Os comentarios están pechados.