BUSERANA, UNHA REVISTA DA MOCIDADE MUXIÁ
Hai cousas que conforman o noso ser , que forman parte de nós da forma máis íntima posible, están no noso ADN, son parte de nós mesmos. Esta Buserana que hoxe desenvolvemos en forma de Proxecto andaba a bulir xa por aí en forma de revista da mocidade muxiá no ano 1980. Ou polo menos o mesmo alento que nos move andaba xa movendo unha mocidade inqueda. Un grupo de mozos de Muxía fixeron no ano 80 a revista Buserana, na que querían verter as súas inquedanzas culturais e contribuir a facer de Muxía un lugar mellor.
O grupo estaba formado por Ramón Soneira, Suso Sambade, Corcón, Xusto López Carril , Javer Allo e Viki Rivadulla ( de quen é a portada da revista que aparece no recorte de prensa). Algo andaba a removerse naquela xeneración.
E hoxe, moitos anos despois, seguimos soñando cun Muxía que conserve o seu patrimonio, que o valore e que poida sobrevivir sen perder a súa identidade . Somos diferentes daqueles mozos de 16 ou 18 anos?
A aspiración segue a ser a mesma: o traballo a prol do Muxía que tanto queremos. O mesmo amor animaba esa revista de adolescentes dos anos 80 e este Proxecto Buserana que hoxe enche este blog.
Muxía, sempre como traballo a facer día a día.