Chega o verán e o porto de Muxía énchese de xente. Turistas e peregrinos que pasean pola ribeira. A ribeira é o lugar máis frecuentado da vila.
Esta é a nosa ribeira, onde se fala de mar, báñanse os nenos , paséase. ..


Pero a ribeira nosa xa non é como era. Muxía estaba rodeada de praia. Antes, calquera que sentara no petril tiña aos seus pés unha praia onde varaban os barcos e xogaban os nenos (agora só queda un anaquiño pequeno). As casas estaban construidas sobre o mar, sobre a praia, agora sepultada polo paseo marítimo.Os barcos descargaban na rambleta e viase trafego constante : ir e vir mariñeiros con caixas, mulleres cos cestos, gamelas que subían ata a calzada. Agora para ver descargar un barco hai que ir ata o porto, tras os paredóns.
Os turistas que sentan nas terrazas non teñen aquel sentimento de estar nunha vila mariñeira porque non ven ese trafegar do traballo que antes enchía a ribeira. Tan só ao lonxe , dende as terrazas, vese pasar un grupo de homes con bolsos cara a casa. E,quen son? Muita xente non sabe que son os mariñeiros que aguantaron sempre da vida nesta vila.
Antes o traballo do mar inundaba todo; os que estaban de vacacións sentados nunha terraza tiñan de lado uns homes levando peixe á nevera.Os que paseaban polo peirao vían unha lonxa chea de vida e peixe, e unhas casetas do porto que eran unha fermosura… e “o mintireiro” dos vellos xunto a elas.
A fisonomía da vila cambiou. Pero non é só unha cuestión estética ou nostálxica. É que o modo de vida está cambiando. Apenas hai barcos. O desguace rematou con muitos deles. Hai homes en terra que non teñen embarque.Iso antes era imposible, cunha flota ,nos anos 80 ,que tiña arredor de 50 embarcacións, dun tamaño considerable.É a desfeita da política pequeira que se está a facer. As consecuencias son palpables.
E os mariñeiros sen embarcacións son coma aves mariñas en terra,andan avoiados. Sempre mirando ó mar.
Para os que vivimos aquel Muxía no que todo arrecendía a mar, este cambio físico e social na nosa vila provoca un sentimento de saudade, do que ás veces, nen siquera somos conscientes. Pero cando vemos fotografías coma estas si que lembramos que hai algo lastimando a nosa alma. O sentimento de perda dunha identidade que esvara entre os dedos, que escapa.
Con todo, Muxía segue a ser fermosa. Porque a súa esencia segue aí , baixo todo o construído agroma esa forza mariñeira que quere sair.Porque a nosa cultura e esta natureza teñen unha forza inmensa…
A vila está construida nun lugar no que parece imposible que se asentara un pobo. Unha pequeña língua de terra, a ras do mar, azoutada persistentemente polo nordés .Mesmo parecera que os que aquí se asentaron quixeran vivir dentro do mar, no lugar que máis se adentra cara a el, nesta península que case é máis mar ca terra.( Seguro que lembrades cando o mar atravesaba a vila de banda a banda nas fortes vagas).
Pero por muito que Muxía cambiou, a súa esencia ten que seguir sendo a dunha vila mariñeira. Temos que ser quen de conservar a nosa identidade. A identidade mariñeira da que estamos orgullosos. Non hai máis que ver como a festexamos na Festa das Rutas do Mar! Probablemente o éxito desta festa sexa que festexamos algo que sentimos mui adentro, algo que forma parte de nós, esta cultura mariñeira que nos define. A Muxía mariñeira non ten que ser unha escenografía puntual, ten que seguir sendo algo real. E para elo hai que lembrar, e hai que poñer en valor os elementos que nos definen, implicándonos todos, dende os centros educativos ao Concello, dende a hostelería e restauración ata as asociacións e comisións de festas…
Conservemos as nosas raíces mariñeiras transmitindo aos nosos fillos o orgullo do noso, o orgullo pertencer á tribo mariñeira da Costa da Morte