XOTA DE EVA CASTIÑEIRA CON LEILÍA

Montse de Leilía envíanos este vídeo da xota da muxiá Eva Castiñeira, video que imos incorporar no apartado de música deste blog. Agradecementos a Montse e a Leilía, por enviarnos o vídeo e por recoller a arte desta muxiá e por facelo tan ben.
Non se pode ser máis elegante cantando e tocando. E, por certo, non se pode ir mellor vestidas e calzadas dunha forma tan galega. Gozade da arte de Leilía con esta Xota de Eva

UN 5 DE XUÑO, EN GRANADA…

Tal día como hoxe, un 5 de xuño, nacía o poeta Federico García Lorca. Era o ano 1898, en Fuente Vaqueros, Granada.

E o grande poeta andaluz -e universal- loitador pola liberdade e víctima da barbarie franquista, ten moito que ver co noso Proxecto Buserana, xa que dedicou un dos seus poemas galegos a Muxía, concretamente á Virxe da Barca.
É un luxo toda a literatura que se relaciona con Muxía, pero é un luxo especial que García Lorca deixara algo escrito sobre algo tan muxián coma esta Virxe pequena.
Os poetas contan quen somos mellor ca ninguén, e algo houbo e hai en Muxía para inspirar aos mellores poetas, dende Rosalía de Castro ata García Lorca pasando por todos os nosos  poetas costeiros.
Deixamos este fermoso poema como homenaxe a Federico.
ROMAXE DE NOSA SEÑORA DA BARCA (de Federico García Lorca)
¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!
A Virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
Marelos os catro bois
que no seu carro a levaban.
Pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montana.
Mortos e mortos de néboa
pol-as congostroas chegaban.
¡Virxen, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr’o teu manto
as foles da amortallada!
Pol-a testa de Galicia
xa ven salaiando a i-alba.
A Virxen mira pra o mar
dend’a porta da súa casa.
¡Ay ruada, ruada, ruada
da Virxen pequena
e a súa barca!
 

LEMBRANDO A GONZALO LÓPEZ ABENTE

“ Ao falar deste meu vello e querido pobo, coido que sería ridículo o facelo noutra fala que non fose a mesma del a que cai de seu aquí, a que de cote lle serveu para as súas necesidades. A fala mimosa na que Rosalía cantou a súa sonada Romaxe da Barca, e Pondal as súas melancólicas paisaxes e brancas areas. A fala nai, abafada moitas veces por fillos desleigados, e esquecida as máis, por fillos inconscentes; uns e outros desexosos, ao parecer, de dar terra á vella que aínda gusta das tradicións e do arrescendor das mazáns gardadiñas nas lacenas, antre a roupa branca.”  Gonzalo López Abente, 1921.
Chegou maio, o mes das letras galegas. Por tódolos lugares do país centos de persoas esfórzanse en honrar á nosa lingua a aos nosos escritores e escritoras organizando e participando en actos culturais e reivindicativos. Este traballo, hai que decilo, faise máis visible no mes de maio, pero é un traballo continuado ao longo do ano. Hai moitas persoas que traballan a prol da nosa cultura e para dignificar a nosa lingua, e a maioría das veces facendo grandes esforzos , con moito traballo e compromiso firme. Queremos solidarizarnos con todas estas persoas e sentirnos unidos, porque o Proxecto Buserana tamén é un proxecto pola dignificación da nosa lingua e cultura.
E ao falar de persoas comprometidas coa nosa língua, traemos hoxe a lembranza do noso poeta, o muxián Gonzalo López Abente ben comprometido con Galiza, como demostrou sobradamente. En 1916 participa na fundación das Irmandades da Fala. Este compromiso pode verse nas súas obras, nas colaboracións en revistas e xornais, nas actividades das Irmandades nas que participa, …Formará parte tamén do Seminario de Estudos Galegos (1926).
En 1936, antes da guerra, será elixido presidente da Asociación de Escritores Galegos e dará mitins polo Estatuto de Autonomía. O seu compromiso co galeguismo levarao a ser cesado no seu traballo no Banco Pastor .

López Abente nun mitin no Cabo da Vila, a favor do estatuto de autonomía.


Ingresa na RAG   en 1941 , le o seu discurso de ingreso  “A Terra e a poesía de Eduardo Pondal”, no Paraninfo da Universidade de Santiago, e o fai íntegramente en galego. Lembremos que estamos no ano 1941.
Morre o 23 de xullo de 1963. Aparecerá Decrúa (1966) como homenaxe póstumo dos galeguistas en América á súa poesía.
En 1971 – cando aínda non había 10 anos da súa morte, o que denota grande interese pola súa persoa e obra-  a RAG dedicalle o Día das Letras Galegas

Homenaxe nas Letras Galegas , 1971


É nesa data cando se inaugura en Muxía  unha estatua no seu honor, que hoxe segue presidindo a entrada á vila.
 

“O NOSO AMOR SERÁ ETERNO”, DE X.H.RIVADULLA CORCÓN, GAÑA O PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO 2013.

o poeta muxián X. H. Rivadulla Corcón


Presentamos con grande ledicia esta nova,porque Corcón é un dos nosos e se xa é    importante ser premiado, ainda o é máis selo polos lectores, e sobre todo pola mocidade ( isto engade un valor pedagóxico e de futuro a un premio) , pero alegrámonos  sobre todo porque esta novela ten moito que ver coa temática que tratamos no Proxecto Buserana; pois se hai unha obra literaria que defenda e difunda o patrimonio cultural inmaterial de Muxía, esa é a obra de X. H. Rivadulla Corcón. É así tanto na súa poesía como na súa narrativa, no teatro que escrebe e dirixe ,e mesmo nos audiovisuais que tamén escrebe e dirixe.
O proxecto artístico de Corcón ten un claro obxectivo: a dignificación de Galicia; e faino a través da dignificación daquilo que lle é máis cercano, o universo simbólico, cultural, material e inmaterial das xentes do mar.

capa da novela


Esta novela , editada por Edicións Xerais, “ O noso amor será eterno” ,é a novela de Muxía . E quen sexa de Muxía e a lea vai entender esta afirmación.
Corcón nesta novela, como en toda a súa obra está a falar de nós. Pero non contando as nosas biografias dunha forma costumista, senón que está falando do noso ser máis intimo e daquelo que nos une a todos: a nosa identidade colectiva; Corcón, trobeiro coma Buserán , canta o mundo cultural e simbólico que nos identifica como comunidade de xentes do mar que viven aquí , no cabo do mundo.
E Corcón, ao longo desta novela, está continuamente chamando a ese íntimo noso que nos une. Fai guiños continuos e cómplices á nosa memoria colectiva para espertar ese sentimento de tribo.
Aseguramos que ao ler esta novela  os muxiáns, e mesmo os habitantes de toda a Costa da Morte, vanse sentir recoñecidos a se mesmos en cada volta de liña, en cada punto e cada coma. E coa súa lectura sentiranse cheos dun mar de sentimentos, dende a profunda saudade ata o orgullo de sentirse un dentro destas páxinas.
Parabéns a Corcón, o poeta que da voz ás xentes do mar!
Coa súa obra, cando menos de xeito literario, a estirpe mariñeira nunca ha morrer.
 

EVA CASTIÑEIRA NA "GALERÍA MULLERES"

 
“Galería Mulleres” do Concello de Muxía é un programa que destaca cada mes o labor dunha muller no mundo das artes, as letras, a ciencia, etc….
Cada mes escollemos a protagonista e elaboramos un cartel no que aparece a súa imaxe, datos sobre a súa biografía e a súa obra, enlaces web onde pode ampliarse información e unha lista dos libros dispoñibles na nosa Biblioteca da Muller que sexan de esa autora, no caso de que sexa escritora, ou libros relacionados con ela ou coa súa área de traballo Estes carteis repártense por todo o municipio e envíanse aos centros educativos.
Ademáis hai un espazo na web do Concello onde se colga o cartel e unha breve escolma da obra da muller á que se lle dedica o mes.
Toda esta información é enviada cada mes á prensa e a radio para que se fagan eco dela.
GALERÍA MULLERES naceu en marzo do 2010 co obxectivo de visibilizar a aportación da muller á historia da humanidade, ao mundo das ideas, das artes, das ciencias …ámbitos nos que tradicionalmente apareceu infrarrepresentada.
Ao mesmo tempo serve como difusión do servizo da BIBLIOTECA DA MULLER, servizo integrado dentro da Biblioteca Municipal de Muxía dende finais do ano 2008.
A Biblioteca da Muller inclúe obras escritas por mulleres, sobre mulleres ou sobre temáticas que afectan á muller …así hai obras sobre feminismo, obras sobre filosofía, antropoloxía, arte, literatura infantil, poesía, novela…. escritas por mulleres ou que aborden todos estes temas dende unha perspectiva de xénero.
OBXECTIVOS:

  • recuperación e visibilización da aportación da muller á historia da humanidade, ao mundo das ideas, das artes , das ciencias …ámbitos nos que tradicionalmente apareceu infrarrepresentada..
  • sacar do anonimato ou do esquecemento a obra de grandes mulleres
  • facer ver dunha forma gráfica ( impacto dos carteis na poboación) a cantidade de mulleres que fixeron e fan cousas importantísimas para todos e todas , espertando a  curiosidade e interese no público sobre as mulleres escollidas cada mes
  • erradicación de prexuicios e actitudes machistas ou misóxinas
  • promoción do cambio de papeis e estereotipos sociais, implicando a mulleres e homes.
  • promoción da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía como espazo para informarse sobre temas relacionados coa muller desde unha perspectiva de xénero de fácil acceso para toda a poboación
  • homenaxear a mulleres que merecen polo seu traballo o agradecemento de toda a sociedade
  • destacar o labor da muller dentro da cultura galega

CONTIDOS:
Cada mes elabórase un cartel sobre unha muller. A muller seleccionada destaca polo seu traballo en algunha área das ciencias e das letras. As mulleres escollidas son de calquera lugar do mundo, aínda que destacamos máis a miúdo a  mulleres galegas.
O cartel leva sempre a imaxe da muller escollida. Esto é importante para identificala, e ademáis poñemos coidado ao escoller as imaxes, para que sexan imaxes fermosas e significativas que falen sobre esa muller.
Hai un traballo de documentación sobre a muller escollida co que se elabora unha breve biografía que non pode ser moi extensa, pois vai no cartel, pero si que ha de ser suficiente para espertar a curiosidade de quen non coñeza á muller escollida ou para lembrarlla a quenes xa a coñecen. Pretendemos que quen vexa o cartel queira coñecer máis desa muller.
En canto á Biblioteca da Muller, buscamos obras da autora escollida, ou se non temos obras dela ou sobre ela, suxerimos algún título relacionado coa temática do traballo dela. Así conseguimos que as persoas interesadas se acheguen á Biblioteca Municipal .
Tamén se fai un traballo de selección de textos ou de fotografías da obra da muller do mes. Esta escolma cólgase na web do Concello de Muxía, tamén co obxectivo de que quen a vexa queira saber máis sobre esta obra.
Por último, facilítanse  páxinas web onde o público poida obter máis información.
Con este traballo rendimos un particular homexe a mulleres importantísimas para a nosa sociedade e á muller en xeral, pois estas mulleres son representantes do traballo e a valiosa aportación da muller á sociedade.
Conseguimos, así, que moitas persoas descubran pintoras xeniais, escritoras brillantes, filósofas imprescindibles….que en moitos casos non sabían nin que existían. Tamén espertamos interese pola lectura.

Eva Castiñeira


Pois ben, este mes a protagonista é Eva Castiñeira, pandereteira e cantareira muxiá, á que dedicamos un espazo no apartado de música de este blog. Alí podedes informarvos máis sobre esta muller de Agranzón que recuperou moitas pezas da música tradicional e que recentemente foi homenaxeada por Lelía no seu disco ” ConSentimento”.

Rosalía de Castro e Muxía

placa inaugurada onte, 2 de marzo de 2013, na ribeira de Muxía


Non podemos deixar de dar conta dun feito importantísimo para Muxía que se celebrou onte, 2 de marzo de 2013, por  iniciativa da Fundación Gonzalo López Abente, e coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro, e que é a posta en valor de un elemento fundamental do noso patrimonio inmaterial e da nosa historia muxiá, que trascende as nosas fronteiras para ser un feito de importancia para tódolos galegos e galegas , pola relevancia da persoa á quen nos estamos a referir : falamos dos actos de homenaxe a  Rosalía e nos que se deixou constancia da estancia da Nosa Poeta en Muxía

Nenas e nenos de Muxía recitando poemas de Rosalía


Foi un acto moi emotivo , onde recuperamos memoria de esa moza Rosalía de Castro, que con 16 anos chegou ata Muxía e chegou – en palabras de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalíacomo unha muller ceiba, ela soa con Eduarda Pondal, probablemente a cabalo, – según apuntou na súa conferencia Manuel Vilar, citando dato de Rivadulla Porta– nunha época na que , como nos contaba  Vilar , as mulleres que vivían soas non eran ben vistas e hai documentación  na que se lles aconsella que vivan con seus pais, ainda que sexan adultas ou vellas, se non teñen home.
Nesa época unha moza de 16 anos, culta e rebelde,  chega á Romaría da Barca, sen máis acompañamento que a súa amiga Eduarda, e nesta Romaría queda prendada de todas esas mulleres que logo descrebe no poema á Nosa Señora da Barca, en Cantares Gallegos : esas mulleres humildes e fermosas que chegan á Romaría da Barca a disfrutar e bailar. A elas – máis cá Virxe da Barca- dedica un poema no que – como nos expricou Anxo Angueira- Rosalía está defendendo á muller galega dos ataques misóxinos e antigalegos da época, mostrando unha Romaría chea de froles que son as fermosas mulleres galegas, mulleres libres para disfrutar do seu corpo e do seu tempo como elas queiran.

Félix Porto e Anxo Angueira descubrindo a placa conmemorativa da estancia de Rosalía en Muxía


Onte os actos comezaran coa colocación dunha placa conmemorativa no lugar onde estaba a casa na que Rosalía se aloxou. Falaron alí o presidente da Fundación GLA, Félix Porto e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. A secretaria da FGLA, Viki Rivadulla, presentou ás nenas e nenos dos centros educativos de Muxía, que leron poemas de Rosalía. Tamén fixo entrega a Antonio Paz,- propietario do establecemento de hostalería que está hoxe no lugar onde estaba a casa-   dun pergamiño conmemorativo para poñer no interior do seu establecemento.
A casa na que se aloxou Rosalía era a do médico Leandro Abente Chans, que era o avó do poeta muxián Gonzalo López Abente. (Rosalía e López Abente unidos por algo máis que a súa defensa da cultura galega e da nosa Terra). Leandro Abente tamén era tío de Eduardo Pondal.
Logo, X. H. Rivadulla Corcón , vicepresidente da Fundación GLA presentou, no Salón de Actos as conferencias sobre Rosalía.

Manuel Vilar, Rivadulla Corcón e Anxo Angueira


Manuel Vilar , patrón e membro da executiva da Fundación Gonzalo López Abente, dou na súa conferencia unha visión moi documentada da Muxía da época, mentres que Anxo Angueira mostrounos a verdadeira Rosalía, a muller libre que foi quen de converterse na nosa poeta, a poeta nacional galega e expricou o sentido do proxecto de dignificación nacional que Rosalía inicia en Cantares Gallegos , do que celebramos 150 anos da súa publicación.

Cartaz dos actos


 

O FORNO

O Entroido traenos o arrecendo do anís, os ovos e a fariña mesturándose co batedor nas mans da nai, …ou do pai, que os tempos cambian e eles tamén están na cociña, como debe ser. Este ano , na festa do Entroido de Muxía houbo degustación de orellas e filloas que fixeron  operarios do Concello, un 99% , homes. Eles tamén poden cociñar, e non se admiten disculpas, todo o mundo pode aprender, só hai que ter vontade.

Traballadores do Concello de Muxía, nas festa do Entroido


 Pero indo á memoria colectiva ,estes doces de Entroido lévannos a un lugar máxico que houbo en Muxía e que hoxe xa non existe. Nas vésperas de festa estaba ateigado de mulleres, nenos e nenas e producía un son que case era un canto de sereas levándonos cara o Paraíso. Ainda que o son non era un doce cantar, senón un bater rítmico e acompasado, case coma o da Pedra de Abalar , que anunciaba a festa. Moitos  lembramos aínda aquel son do batallón de mulleres batendo todas á vez e acompasadamente , para facer os doces de Muxía: o pan de ovo, o “biscochón” , ou a torta de améndoa…receitas que forman parte da cultura inmaterial do noso municipio. Aquel son das mulleres batendo no forno está xa ligado ás vésperas da festa na memoria sonora colectiva que forma tamén parte do patrimonio inmaterial de Muxía.
O recendo na Praza da Leña a limón, anís, ovos con azucre, ….era como dicimos, o Paraíso.

Mulleres no forno. Fotografía de Ramón Caamaño.


Estamos a falar do forno. As persoas de mediana idade de Muxía aínda o lembran en plena actividade. O seu último rexente foi Aurelio González Fernández ( homenaxeado no 2012 co Premio María Amelia do Concello de Muxía).

Aurelio González Fernández. Fotografía de Viki Rivadulla


Aurelio traballara , dende os 14 anos, no forno cos seus pais como axudante de Jesús “ o forneiro” ,e logo de Ramón Barrientos “o chileno”. Logo de estar na emigración retomou o traballo no forno ata o seu retiro , en 1986. Aurelio, que ademáis foi presidente do equipo de fútbol, facía empanadas para o equipo e o día que o Muxía gañou a Liga da Costa fixeron unha festa na panadería, na que cociñou Fina Caamaño , – inesquecibles as súas tortas de améndoa ( na sección de gastronomía colgaremos algunas receitas de Fina Caamaño, doces típicos de Muxía).
O forno era un centro social para os veciños de Muxía, cumpriu un papel socializador, como lugar de reunión e encontro.
( Unha vez máis temos que agradecer a Ramón Caamaño que gardara memoria das mulleres batendo no forno, na fermosa fotografía que acompaña este artigo).
A familia de Aurelio está ligada a aquel forno, os seus pais e irmáns…, unha familia que , ademáis, tiñan unha tenda que sacou de moitos apuros ás familias mariñeiras, cando non tiñan cartos para ir mercar comida. Eso era veciñanza, familia, e en Muxía sempre ten que haber un recordo agredecido para estas persoas.
Nas vésperas da Romaría da Barca as mulleres ían ao forno a cocer os doces e xantares para a festa;  o traballo no forno era un trafego constante , os rapaces acompañaban ás nais e avoas a ese lugar case máxico no que Aurelio – aquel panadeiro elegante ao Luis Mariano- transformaba o traballo das mulleres en doces dourados tras pasar pola alquimia do seu forno.
Para os rapaces da Muxía daquel tempo , ir ao forno era como ir ao mellor centro de diversión que se poida imaxinar. E lamber o caldeiro cando a avoa ou a nai remataba de bater, era probar un manxar de deuses. Para quen foi neno ou nena na Muxía daquel entón o forno de Aurelio é imposible de esquecer.
Os forasteiros que se achegaban a Muxía sempre falaban das delicias do pan de Muxía, aquel pan artesán feito con mimo que acompañou o alimento de tantas bocas, que acompañou aos homes no mar, no cesto do xantar e que hoxe forma parte da memoria colectiva.
O pan , o máis humilde dos alimentos , pero que simboliza a mesa chea , o alimento básico da xente traballadora .
O pan artesán, a broa e os doces típicos  ( pan de ovo, biscoito, tarta de améndoa, …) seguen formando parte da cultura gastronómica da nosa comunidade

o Proxecto Buserana gaña o "Concurso de Ideas e Proxectos para Xestión Cultural"

Como podedes ver no Blog xestioncultural.wordpress.com, o Proxecto Buserana gañou o Concurso de ideas e Proxectos para Xestión Cultural que organiaba este blog do sector da Xestión Cultural galega.
Queremos agradecer o seu apoio ás persoas que votaron polo noso proxecto e ao blog a iniciativa , que permite crear un banco de ideas e intercambio de iniciativas entre os profesionais da xestión cultural.
Tamén queremos dar os nosos parabéns ao Proxecto Socheo, co que compartimos obxectivos e amor pola nosa cultura. Sen dúbida tamén aprenderemos moito deste proxecto e disfrutaremos os seus resultados, que redundan en beneficio de toda a comunidade galega.
Estamos moi satisfeitos por ter como finalista tamén  á Galería Mulleres, un programa do nosos Concello e que traballa pola visibilización e difusión do traballo da muller.
Agardamos que este recoñecemento sexa un motivo máis para seguir traballando e que vos animedes a continuar enviando materiais e ideas para o noso blog.

VIMOS DE INTRODUCIR TRES NOVAS PÁXINAS NO NOSO BLOG: UNHA DEDICADA Á LITERATURA , OUTRA DEDICADA Á MÚSICA E UNHA TERCEIRA AO MERCADO DAS RUTAS DO MAR.  NOS VINDEIROS DÍAS IREMOS COLGANDO MÁIS CONTIDOS EN ESTES TRES APARTADOS.